Luís Paadín, director de Catas da 3ª edición da Festa dos Viños Espumosos en Salvaterra: “Hainos mellores, pero estes son os nosos”

“O consumidor formado é máis crítico pero tamén é certo que valora máis o traballo das adegas”

Luís Paadín, na sala de catas da súa empresa en A Coruña.

Luís Paadín, na sala de catas da súa empresa en A Coruña.

Luís Paadín é un experto en viños tranquilos, pero un dos poucos en viños espumosos. E vai ser o director de catas e levará a dirección dos cursos que se van celebrar na 3ª edición da Festa dos Viños Espumosos da DO Rías Baixas, en Salvaterra de Miño, os días 3 e 4 de decembro.

Na actualidade, das cinco DO de Galicia empezou primeiro a elaborar espumosos a DO de Valdeorras. Logo, entrou a DO Rías Baixas onde hai o maior número de adegas que os elaboran coas castes da DO. A do Ribeiro xa está preparada co regulamento e pronto vai comezar. Ademais, son numerosas as adegas que elaboran viños espumosos sen o amparo dunha Denominación de Orixe.

Paadín afirma que isto “non é unha moda forzada”. E calcula que hai entre 20 e 25 marcas que fan espumoso de calidade coas nosas variedades de uva. Aínda que na súa maioría o espumoso galego é para consumo interno na nosa Comunidade Autónoma. Paadín estima nunhas 180.000 as botellas que se porán este ano no mercado.IMG_8424

Loxicamente, este experto conclúe que o espumoso galego non pode competir cos cavas ou champanges polo prezo da uva.

Pero non temos que envexar outras zonas de espumosos xa que os nosos teñen unha positiva parte primaria. A uva albariña é moi aromática e proporciona “uns aromas primarios” axeitados para un espumoso. O clima difícil para viños tranquilos, en cambio, con uva albariña convértese nunha vantaxe para os espumosos.

Paadín suma a todo isto a actitude  chauvinista ou de valor patrio para mercar estes viños autóctonos procedentes dos nosos recursos endóxenos. “Hainos mellores, pero estes son os nosos”. E anima ao consumidor a aprender a valoralos.

A 3ª edición da Festa dos Viños Espumosos da DO Rías Baixas, en Salvaterra de Miño, os días 3 e 4 de decembro, achegarán a cultura dos espumosos, baixo a dirección de Luís Paadín, como as edicións anteriores,mediante un curso de iniciación á cata, unha cata popular de espumosos e una sesión de súa harmonía con queixos universais.

Do curso de iniciación á cata de espumosos, refire Paadín que vai ser “un percorrido polo mundo dos espumosos e pola súa xeografía”. Ademais vai explicar os distintos métodos de elaboración como son o tradicional, métodos ancestrais,  o granvás ou a gasificación. E conclúe: “Estamos facendo historia entre todos, porque non temos tradición de viños espumosos”.  Así espera contribuír a “facer cultura do espumoso”.

As catas populares van ser un xeito de introducir consumidores afeccionados e profesionais nunha cata profesional de viños espumosos da DO Rías Baixas. “Vounos levar da man, nunha cata cega, con fichas, como as profesionais, e terán oportunidade de comparar as súas puntuacións coas medias doutros profesionais”.

Por se alguén se asusta, Paadín explica: “O consumidor formado é máis crítico pero tamén é certo que valora máis o traballo das adegas”.IMG_8428

As harmonías de espumosos con queixos a escolleuna Paadín porque adoita coincidir que o amante do viño espumoso gusta tamén do queixo. Os queixos van ser oito e, máis que marcas, trátase de presentar distintos tipos de queixos de países como Francia, Alemaña, Grecia… e por suposto un queixo galego. “Imos ver o potencial de unión”, explica o director desta cata. “Pódese tomar queixo, practicamente, con calquera espumoso, pero vai darse conta o asistente de que non é o mesmo que sexa cun brut ou cun brut nature…”. En definitiva: “Un tipo de espumoso distinto pode lle dar máis pracer”.

Así as cousas, Luís Paadín enfoca isto como “facer un xogo interactivo. Que a xente aprenda a buscar no seu padal sensacións con valores distintos”.

O director de catas cualifica a 3ª edición da Festa dos Viños Espumosos da DO Rías Baixas, en Salvaterra de Miño, os días 3 e 4 de decembro, como “unha oportunidade única” ao ter a presenza dunhas 16 adegas da DO Rías Baixas, cada unha amosando cadansúa, entre unha e tres marcas de espumosos.

Paadín aconsella que o mellor é probar, degustar, preguntar aos profesionais e sacar conclusións de como un espumoso de 9 meses é axeitado para tomar cun aperitivo, mentres un de 18 meses é perfecto, porque ten a burbulla máis integrada, para xantar.

Por esta época é cando saen os viños recén ‘degollados’ e un tanto “alborotados”, explica o director de catas. Por iso, “esta festa é o mellor punto de encontro para o consumidor e o profesional”.

Ás adegas recoméndalles total transparencia; contar como se fan…, sabelo explicar…, para que o consumidor o valore.

Print Friendly
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada