O poeta fisterrán de Cee Xosé Iglesias Lamela recibe o Victoriano Taibo polo poemario ‘A relixión do mar’

Clausurará o acto o presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero

O Victoriano Taibo do ano pasado.

O Victoriano Taibo do ano pasado.

O poeta fisterrán de Cee Xosé Iglesias Lamela polo poemario titulado ‘A relixión do mar’ foi premiado co Victoriano Taibo que recibirá o próximo sábado día 10, ás 19:30 horas, no auditorio municipal Lois Tobío de Gondomar .

O xurado do IX Premio de Poesía Victoriano Taibo estivo formado polos profesores e escritores Xulián Maure, Gonzalo Navaza, Marta Dacosta, Iñaki Varela e Miguel Anxo Mouriño,

O libro galardoado, sen abandonar a linguaxe poética, constitúe un auténtico tratado sobre a vida en e relacionada co mar. Desfilan por estas páxinas aparellos, artes de pesca, coñecementos de navegación, embarcacións, carpintería de ribeira, lugares, sucesos e un grande etcétera que o autor aproveita habilmente rebordando a súa intención didáctica e presentándonos, a través de imaxes ricas e suxestivas, un proxecto de vida na que cicela a súa propia identidade. Versos con recendo a marusía que evidencian coñecemento profundo e vivencia delongada do mundo mariño nesta “homenaxe á fe infinita que teñen os nosos mariñeiros por este anaco de océano. Unha fe a se representar en distintos rituais que van converxendo ao longo da costa e do tempo”, en palabras do autor.

O premio está dotado con 3.000 euros e unha peza escultórica da autoría de Fino Lorenzo. O acto de entrega, conducido por Marta Dacosta, terá lugar o próximo sábado día 10 de decembro ás 19:30 horas no auditorio municipal Lois Tobío, co seguinte programa:

A banda de gaitas Balcón do Miñor, de Morgadáns, abre o acto.

Marta Dacosta fai unha breve lembranza da figura de Victoriano Taibo e recorda tamén a recente publicación da súa obra inédita Contos pequenos.

O CEP Neira Vilas, de Peitieiros, interpreta dous destes contos.

Xosé Lois Vilar fará un breve comentario sobre o libro premiado.

O autor recibe o galardón da man do alcalde de Gondomar, Francisco Ferreira, e recita algúns poemas da súa obra.

Actuación da banda de gaitas Balcón do Miñor, de Morgadáns.

Despois da quenda de agradecementos clausurará o acto o presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero.

Á saída, no vestíbulo, estará agardando un albaroque de confraternización durante o cal o autor asinará libros para quen o desexe.

FILLO ADOPTIVO

Por outra banda, a corporación do concello de Gondomar, en pleno celebrado o pasado día 2 de decembro, acordou por unanimidade outorgarlle a Victoriano Taibo o nomeamento de fillo adoptivo polos seus méritos e a súa vinculación ao municipio onde exerceu a docencia durante 20 anos na parroquia de Morgadáns. Proximamente celebrarese un acto no que se oficializará o devandito nomeamento.

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada