Olalla Cociña, gañadora da XIV edición do Premio de Poesía Afundación

Un traballo compacto con grandes virtudes expresivas e que ofrece unha visión harmónica dos espazos e dos tempos

Olalla Cociña.

Olalla Cociña.

Olalla Cociña gaña a XIV edición do Premio de Poesía Afundación, que a entidade convoca xunto ao Centro Pen de Galicia co patrocinio da Xunta de Galicia, á que se presentaron nesta edición un total de 33 obras. A resolución do xurado, composto por Dores Tembrás, escritora; Anxo Angueira, profesor da Universidade de Vigo e presidente da Fundación Rosalía de Castro; Ana Abelenda, xornalista e crítica literaria en La Voz de Galicia; e Xabier Castro Martínez, escritor e secretario do xurado, tivo lugar ás 18.00 h na Sede Afundación Santiago de Compostela (rúa do Vilar, 19). No acto estiveron presentes o director xerente de Afundación, Pedro Otero Espinar; Luis González Tosar, presidente do Centro Pen de Galicia; Xabier Castro Martínez, secretario do xurado; e Anxo Lorenzo Suárez, secretario xeral de Cultura da Xunta de Galicia.

«Vestir a noite», presentada pola súa autora baixo o lema Tillandsia, é, en palabras do xurado «Unha proposta poética ben artellada e consciente da súa macroestrutura. Un traballo compacto con grandes virtudes expresivas e que ofrece unha visión harmónica dos espazos e dos tempos. Cómpre destacar a imaxinería naútica e a habelencia na clausura dos textos. «Vestir a noite»  aporta ao panorama da nosa lírica unha proposta dinámica e refrescante».

Pola súa parte, Pedro Otero, director-xerente de Afundación subliñou que «A nosa entidade considera imprescindible e estratéxico para a cultura e a lingua galegas fomentar o coñecemento do xénero poético a través deste premio literario. Con esta misión e obxectivo botou a andar no ano 2002. Desde entón ten no seu haber máis dunha ducia de libros de poemas de autores noveis e consagrados que se agrupan na colección «Arte de Trobar» que edita o Centro Pen de Galicia. É, por tanto, un orgullo para nós anunciar un novo nome gañador para incluír na xa ampla nómina de poetas galardoados».

Mentres, o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, tras felicitar a Olalla Cociña, gabou «o rigor» do traballo do xurado, ao tempo que se  referiu ao certame como «un dos premios literarios máis importantes do noso sistema cultural, co que a Xunta de Galicia vén colaborando compartindo cos promotores ese obxectivo de reforzar a imprescindible produción poética». Segundo afirmou, o Goberno galego continuará apoiando o Premio de Poesía Afundación no convencemento de que é «unha convocatoria moi importante para promover a creación poética entre os nosos autores e autoras, para visibilizala e contribuír á súa publicación, dentro da colección Arte de Trovar, e para o enriquecemento da creación cultural galega dos nosos días”.

A PREMIADA

Olalla Cociña Lozano naceu en Viveiro (Lugo) en 1979. Licenciada en Ciencias da Comunicación, vive en Santiago. Obtivo no 2000 o premio de poesía ‘O Facho’. Publicou os poemarios As cervicais da memoria (premio Avelina Valladares 2004), aquí (intemperies) (2006), Libro de Alicia (premio Fiz Vergara Vilariño 2008, editorial Espiral Maior) e Ningún precipicio (Toxosoutos, 2013). A súa obra pódese atopar tamén en publicacións colectivas e antoloxías como Das sonorosas cordas. 15 poetas desde GaliciaPoetas con RosalíaVolverlles a palabraLetras novasSentimentalismo. Antoloxía de referencia. Etapa de implantación, Novas de poesía (Fundación Uxío Novoneyra 2013) ou Punto de ebullición: Antología de la poesía contemporánea en gallego (2015). Entre 2011 e 2015 coorganizou o ciclo de lecturas poéticas Picaversos. Ten impartido talleres de animación á escritura e á lectura.

O PREMIO

O galardón comezou o seu percorrido no ano 2002 a instancias do PEN Club de Galicia e de Afundación. No seu elenco de gañadores figuran poetas galegos como Xavier Seoane, María do Cebreiro, Román Raña, Arcadio López Casanova, Marilar Aleixandre, Carlos Penelas, Luís Valle Regueiro, Emma Pedreira, Xavier Rodríguez Baixeras, X. Daniel Costas, Yolanda Castaño, Elías Portela ou Miguel Anxo Fernán Vello, gañador da anterior convocatoria. O premio implica a publicación do libro na colección «Arte de trobar» e unha dotación económica de 6000 euros.

A presente edición, a décimo cuarta, conta co apoio e a participación da Xunta de Galicia, cuxa implicación no proxecto garante a estabilidade do premio e contribúe a preservar esta cita de referencia na axenda cultural galega, á vez que estimula a creación literaria. Afundación e o Centro PEN de Galicia, tras trece anos de implicación e compromiso coa poesía e coa literatura galega, continúan traballando por un xénero indispensable que, aínda que minoritario, serve de cimento para a consolidación da renovación estética e para a normalización da lingua galega.

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada