Dúas poetas novas, en galego e italiano, cunha enorme potencia sobre o escenario

Silvia Penas.

Silvia Penas.

A sesión de decembro do ciclo de recitais poéticos promovido pola Concellaría de Culturas do Concello da Coruña xa está ao caer. Será o próximo luns 12, no auditorio do Ágora ás 20.30h, nun acto aberto e gratuíto de aproximadamente unha hora de duración, e onde unha libraría de proximidade ofrecerá á venda as obras das convidadas. Este terceiro recital do oitavo ano consecutivo de POETAS DI(N)VERSOS pecha así o trimestre de outono, pero continuará como sempre, ininterrompidamente, con novas citas mensuais ata o mes de xuño incluído.

Nesta ocasión, a cita convocará dúas poetas mozas pero dotadas dunha enorme potencia á hora de dicir os seus versos. Serán a viguesa Silvia Penas e a xenovesa Laura Accerboni. Dúas mulleres nacidas na primeira metade dos oitenta que posúen tanta calidade literaria coma forza expresiva. Así, o seu será sen dúbida un espectáculo poético para non perder, o que reúna –da man da condutora, tradutora e coordinadora dos actos Yolanda Castaño– a xoia galega do Spoken Word fronte a última revelación da poesía italiana. Dúas mozas afoutas recitando sen papeis, interpretando versos de memoria, que no caso da estranxeira irán seguidos das traducións ao galego das que se ocupe Castaño.

Laura Accerboni.

Laura Accerboni.

Silvia Penas lidera o grupo poético musical “Cintaadhesiva”, que leva a poesía aos escenarios acompañada de música e videocreación, pero tamén acapara multitude de premios de poesía, como o da Universidade de Vigo, o GZcrea, o Victoriano Taibo, o Lueiro Rey ou o Avelina Valladares. Autora de tres poemarios publicados, ten percorrido e colleitado éxitos nos certames de Slam Poetry de Arousa, Vigo, Madrid ou Barcelona. Canto a  fulgurante carreira de Laura Accerboni, con só dous libros de poesía editados dende 2012 ten mostrado o seu traballo xa nos Países Baixos, Bélxica, Croacia, Suíza ou Macedonia, atesourando preto dunha decena de galardóns literarios. Accerboni afianza así o seu camiño certo cara o futuro da poesía italiana.

As dúas autoras poderán asinar exemplares dos seus libros ao rematar o acto, unha nova mostra de cómo poñer sobre o mesmo entaboado as últimas prácticas poéticas galegas e do mundo. Estable dende 2009, POETAS DI(N)VERSOS fora Premio da Crítica Galicia á mellor Iniciativa Cultural uns anos atrás, e segue a ser a única programación literaria que acolle poetas internacionais de xeito regular en toda España.

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada