Iglesias Lamela, premio Victoriano Taibo, fai unha realista e poética ‘fotografía’ mariña no libro ‘A relixión do Mar’

IMG_9903

Xosé Iglesias Lamela coa buguina -caracola dun molusco gasterópodo mariño- que vai regalar a Miguel Anxo Mouriño pola coordinación do traballo de edición do libro premiado ‘A Relixión do Mar’.

Autoproclámase “mariñeiro de base” pero é capitán de pesca, patrón, armador, pescador… Como lle díxo Xosé Lois Vilar “mariñeiro-poeta”  que “desde dentro do oficio de mariñeiro” sabe pescar, ademais de peixes, palabras para construír unha embarcación chamada ‘A Relixión do Mar’ na que vai navegar cada lector.

O flamante gañador do premio Victoriano Taibo, na súa novena edición, convocada polo Instituto de Estudos Miñoráns, Xosé Iglesias Lamela, deixounos o pasado sábado atónitos a todos os que estabamos no acto de entrega do premio no Auditorio Lois Tobío de Gondomar, pola súa sinceridade, humildade e modestia. Este poeta-mariñeiro, seguindo a Vilar, ten unha singular maneira de relacionarse co mar, quizais nunca antes vista.

A súa busca da fe, dun credo, duns “rituais”  quédase no mar, como “matria universal”.  Polas obras non chega de momento ao Creador. Pero, ¡tempo ao tempo!

O seu berro en ‘A Relixión do Mar’ –“sonoro e firme”; “profundo e sentido”, en palabras propias- non se vai perder na néboa. Como o son da buguina que regalou ao equipo deste premio do IEM, liderado por Miguel Anxo Mouriño, e vaise escoitar moi lonxe pola estética da súa poesía e pola forza do seu coñecemento do mar.

Ten mérito abondo que Iglesias Lamela poida compatibilizar a pesca de costa coa pesca da palabra poética.

A reivindicación do mar dálle tamén renovados folgos fronte ás “forzas invasoras” que veñen “roubar e dividir”.

Este “cultísimo” mariñeiro-poeta mira tamén polos seus e dedica a forza da súa poética a súa tía Lucía que se repón felizmente dunha doenza, mentres acusa o golpe de “crueldade” da vida que hai escasos tres meses fixo que “nos deixase así sen máis” a súa sobriña, Nerea, de 3 aniños sen que puidera levala no seu barco á procesión do Carme.

Iglesias Lamela ten anceios do infindo desde ese mar finito pero desbordante e esteticamente poético que nos traslada con todas as súas emocións no libro premiado co Victoriano Taibo 2016. Mentres falaba no acto, miraba o ceo como se estivese a buscar a verba inspirada. É o mellor mensaxeiro que podía ter o mar, ese mar da vida no que ás veces é difícil navegar.

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada