O catedrático Ángel Carracedo imparte una conferencia na que defenderá que os investigadores deben formarse en protexer a propiedade intelectual dos seus descubrimentos

O catedrático Ángel Carracedo.

O catedrático Ángel Carracedo durante su intervención na primeira das conferencias que promove o bufete de avogados Rivas & Montero.

O bufete de avogados Rivas & Montero, con sede en Santiago, inicia un ciclo de conferencias que amosarán diferentes modelos de xestión empresarial. Esta tarde, ás 19.00 horas, no edificio Feuga de Santiago, Ángel Carracedo, catedrático de Medicina Legal da Universidade de Santiago, abordará os retos da transferencia do coñecemento da universidade ao mundo empresarial como director do Grupo de Medicina Xenómica da USC.O profesor Carracedo recibiu en 2015 o Premio Directivo Global da Confederación Española de Directivos e Executivos. O Grupo de Medicina Xenómica da Universidade de Santiago que dirixe está integrado por un equipo dunhas 150 persoas de nacionalidades moi diversas. O grupo é na actualidade líder mundial en xenética forense e de referencia en xenómica comparada e de poboacións. Esta tarde o catedrático relatará, dende a súa experiencia, as principais dificultades coas que se atopa a universidade á hora de transferir á empresa os resultados da investigación que se xera nos laboratorios.

En relación ao emprendemento, Carracedo sinala que “ás veces fallei e noutras ocasións tiven mais éxito, pero son vivencias das que sempre se aprende”. E opina que “os investigadores non están ben formados nestes ámbitos e, ao igual que fomentamos o interese pola investigación debemos facelo igualmente polo emprendemento. Aínda que tamén cómpre preguntarse se todo investigador ten que ser emprendedor e creo que non”.

“No que si ten que estar ben formado un investigador é en protexer axeitadamente a propiedade intelectual dos seus descubrimentos. Ademais, unha vez protexida unha invención fallamos aínda moito na explotación das patentes e para isto hai que ter recursos e expertos. E neste aspecto cómpre achegar moito máis o ámbito académico e a industria” -salienta o catedrático-.

Carracedo explica que o Grupo de Medicina Xenómica depende de dous organismos: a Universidade de Santiago para todo o que ten que ver con xenética forense e servizos xenómicos de investigación; e a Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica (Sergas), onde se realizan servizos de xenómica clínica e investigación en xenómica de enfermidades. Ademais, vaise iniciar unha aventura conxunta co grupo Innopharma da USC, que lidera Mabel Loza, que se vai xestionar mediante unha Fundación sen ánimo de lucro na que participa a Universidade. “Os diferentes modelos de xestión teñen os seus pros e contras e problemas xurídico-administrativos diversos” -indica o profesor-.

Asesoramento a institucións, empresas e investigadores que apostan por investir en I+D+i

O bufete de avogados Rivas & Montero leva máis de dúas décadas dedicado ao asesoramento xurídico a empresas e institucións. Ao longo deste anos foron adaptándose aos cambios sociais e, na actualidade, están especializados, entre outros campos, na transferencia de tecnoloxía. A letrada Cristina Pedrosa manifesta  que “estase a converter nun problema o feito de que o resultado das investigacións que se levan a cabo nas universidades e centros de investigación non chega en moitos casos á economía real”. Nesta liña, o bufete presta servizos de asesoramento especializado a institucións, empresas e investigadores que apostan por investir no eido da I+D+i.

Un dos responsables do bufete é o letrado José Antonio Montero, que ademais é profesor de Dereito Mercantil da Universidade de Santiago, tanto na Facultade de Dereito como na de Administración e Dirección de Empresas. Sinala que “no sector do emprendemento e a innovación están postas moitas das expectativas de futuro dende o punto de vista económico e social. Non obstante, é un sector que precisa de moitas axudas, ademais das económicas. E un deses apoios poder vir da toma de contacto directo coa experiencia acumulada do sector empresarial preexistente, a de quenes levan anos arriscando e superando obstáculos día a día”. Así, esta tarde, o público asistente á conferencia de Carracedo terá a oportunidade de intercambiar impresións co profesor e cos letrados ao remate da mesma.

 

 

Print Friendly
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada