Caixa Rural Galega publica vivencias, sensacións e sentimentos que acompañaron ás persoas ligadas coa entidade durante estes 50 anos

Caixa Rural Galega celebrará mañá unha gala e unha cea de conmemoración polo cincuentenario da entidade

A Caixa Rural Galega presenta o libro 50 anos cos pés na terra con motivo do seu 50º aniversario.

A Caixa Rural Galega presenta o libro 50 anos cos pés na terra con motivo do seu 50º aniversario.

A sede de Caixa Rural Galega en Lugo acolleu esta mañá a presentación do libro 50 anos cos pés na terra, unha obra conmemorativa polo 50º aniversario da entidade que repasa a súa traxectoria facendo fincapé nas experiencias e sentimentos de todos aqueles que fixeron posible o seu nacemento e a súa continuidade ata o día de hoxe, segundo nota da entidade financeira.

No acto, no que estiveron presentes a autora, a xornalista e escritora Marta Veiga; o director xeral de Caixa Rural Galega, Jesús Antonio Méndez Álvarez-Cedrón, e o presidente da entidade, Manuel Varela López,  insistiron na idea de que este libro non é máis que unha homenaxe a todos os traballadores, socios e colaboradores que fixeron realidade outra maneira de facer banca.

50 anos cos pés na terra é un libro que deixa atrás datos, cifras e cronoloxías para deterse moito máis nas vivencias, nas sensacións e nos sentimentos que acompañaron ás persoas ligadas, dunha maneira ou doutra, coa Caixa Rural Galega na travesía por estes 50 difíciles pero gratificantes anos.

O presidente da entidade, Manuel Varela, abriu o acto e subliñou: “A obra é unha escolma dos momentos máis importantes, así como dalgunhas anécdotas de todos estes anos. Todo isto non sería posible sen os máis de 15.000 socios, os case 160 empregados e o cumprimento dos nosos principios fundamentais dende o primeiro día, a estabilidade, a prudencia, a solvencia e o compromiso con Galicia e cos galegos”.

Méndez Álvarez-Cedrón agradeceu o apoio de toda a xente que colaborou neste proxecto e destacou o extraordinario labor realizado pola autora do libro: “Captou perfectamente a nosa filosofía e a idea que tiñamos para conmemorar esta data tan especial. Queriamos que fose unha análise da nosa forma de entender a banca. Unha banca caracterizada pola súa proximidade ao territorio, con produtos sinxelos, prudente e con continuo reinvestimento dos beneficios obtidos. Unha banca, definitivamente, cos pés na terra. E así foi, o resultado final é excelente”.

Os seus fundadores, os traballadores que continúan e os máis de 60.000 socios e clientes tiñan que ser os protagonistas desta obra, e así o plasmou Marta Veiga. Ela mesma recordou como “hai un ano todo isto comezou a tomar forma nunha xuntanza que mantiven cos catro pioneiros, Arcadio López Lens, Nely Quintás, Feliciano García Vila e Luis Cabana. Dende aquel día comezamos a tirar do fío das lembranzas da entidade e pouco a pouco fomos tecendo toda esta obra”.

A xente que fai posible Caixa Rural Galega merecía esta homenaxe. Como apuntou Veiga: “Todos e cada un deles son parte desta historia e están representados por caras tan coñecidas como Higinio Mougán, xerente de Agaca; Antonio Durán, fundador de Durán Maquinaria Agrícola; David Lombao, director de Praza Pública, ou Luis Falcón e Maruja Irigoyen, gandeiros de Vilaseca (Riotorto)”.

Ao remate da rolda de prensa e en resposta ás preguntas dos xornalistas, Méndez salientou o principal motivo de ter chegado ata aquí, o verdadeiro carácter diferenciador da entidade: “O noso obxectivo prioritario é o socio, o cliente. Non tanto o retorno de capital senón a axeitada oferta de produtos e o trato próximo cara a todos eles”.

A Caixa Rural Galega continuará mañá a conmemoración do seu cincuentenario coa celebración dunha gala e posterior cea na que se conta coa presenza de representantes da esfera social e política da nosa comunidade.

GALA E CEA

Caixa Rural Galega celebrará mañá unha gala e unha cea de conmemoración polo cincuentenario da entidade.

Cóntase coa presencia de directivos e traballadores da entidade, representantes do Círculo das Artes e autoridades da esfera social, política e empresarial da nosa comunidade.  Durante a gala cabe destacar as intervencións do xornalista Fernando Ónega, e do presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo.

Print Friendly
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada