Elefante Elegante pecha esta fin de semana o ciclo de Nadal do Salón Teatro con ‘Danza da choiva’

Este espectáculo sen palabras combina teatro xestual, danza e manipulación de obxectos e monicreques nunha proposta para público familiar

Elefante EleganteO ciclo ‘Gran teatro para os máis pequenos’ do Salón Teatro de Santiago rematará esta fin de semana cunha nova oferta dobre que combina a posta en escena de ‘Danza da choiva’, de Elegante Elegante, cun taller de son para público infantil. Concluirá así a programación especial deseñada polo Centro Dramático Galego (CDG) para celebrar o Nadal na súa sede xunto aos espectadores máis novos, así como para facilitar a conciliación familiar durante estas festas.

O sábado 7, ás 19.00 horas, e o domingo 8, ás 18.00 horas, terán lugar as representacións de ‘Danza da choiva’, un espectáculo sen palabras no que Elefante Elegante bota man do teatro xestual, a danza e a manipulación de obxectos e monicreques para se preguntar que acontecería se de súpeto deixase de chover para sempre. Deste xeito, a montaxe aborda unha cuestión preocupante a través dunha posta en escena poética e visual. O obxectivo é combinar reflexión e diversión mediante efectos cómicos, plásticos e oníricos pensados para o público familiar e infantil, a partir dos 3 anos de idade.

María Torres e Gonçalo Guerreiro son os autores, directores e intérpretes desta ‘Danza da choiva’, ademais de asinar a dramaturxia e a escenografía. O deseño de iluminación correu a cargo de Dani Pais, mentres que as coreografías son de Ánxela Blanco; a música, de Mano Panforreteiro; e o vestiario, de Marcia Edleditsch.

O teatro por dentro

Ambas as funcións de Elefante Elegante no Salón Teatro estarán precedidas do Taller do Son, impartido por Elea López o sábado a partir das 17.00 h e o domingo, das 16.00 h. Xunto cos anteriores Taller da Luz e Taller de Monicreques, esta iniciativa busca achegarlles aos pequenos e pequenas diferentes aspectos do oficio teatral baixo o lema ‘Saca o artista que levas dentro’.

O CDG oferta 30 prazas para cada unha das sesións deste obradoiro, que serán adxudicadas por orde de reserva a través do teléfono 881 867 229. Os nenos e nenas poden participar sós neste taller, en tanto que nas funcións é necesario que estean acompañados por un adulto.

A entrada para o obradoiro está incluída no bono especial de Nadal, mentres que a tarifa normal é de 5 euros por sesión. O pago farase desde media hora antes do seu comezo na billeteira do Salón Teatro, onde poderán mercarse tamén as entradas para ‘Danza da choiva’.

Neste último caso, existe a posibilidade de adquirir tres billetes para unha mesma representación a prezo familiar (18 euros), así como entradas individuais a 8 euros. Ademais, a venda anticipada xa está dispoñible na web entradas.abanca.com.

Print Friendly
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada

Etiquetas: