O Premio de Poesía Concello de Carral celebra a súa vixésima edición

Ata o 8 de abril está aberto o prazo para a presentación de orixinais ao premio, dotado con 2.500 euros e a publicación da obra gañadora en Espiral Maior

Carral

O secretario xeral de Cultura e o alcalde do municipio coruñés presentaron hoxe as bases da nova convocatoria do certame, que ten como obxectivo promover a creación literaria en lingua galega.

O Premio de Poesía Concello de Carral celebra en 2017 a súa vixésima edición. As bases da nova convocatoria deste certame literario foron presentadas hoxe polo alcalde do municipio coruñés, José Luis Fernández, e polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, quen destacou “o prestixio dun premio co que foron galardoadas nos últimos anos voces imprescindible do panorama actual das letras galegas”.

Durante a rolda de prensa, que tamén contou coa participación do delegado da Xunta de Galicia na Coruña, Ovidio Rodeiro, o secretario xeral referiuse ao certame como un valor cultural engadido á imaxe da localidade coruñesa, o que a sitúa nun lugar destacado no mapa literario de Galicia. Nese sentido, felicitou o Concello de Carral polo seu “compromiso decidido e continuado coas letras galegas”, que se traduciu na sólida e frutífera traxectoria do seu certame poético.

O premio está dotado con 2.500 euros para o autor ou a autora da obra gañadora e mais a publicación do traballo na colección de poesía da Editorial Espiral Maior, para o que conta co apoio da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través das secretarías xerais de Cultura e de Política Lingüística.

Ata o vindeiro día 8 de abril estará aberto o prazo de admisión de orixinais, que deben ter unha extensión mínima de 500 versos e estar escritos en lingua galega por un autor ou por unha autora maior de idade de calquera nacionalidade.

Autoras e autores premiados

Desde a súa creación no ano 1997, o Premio de Poesía Concello de Carral recoñeceu as obras de Fernando Díaz-Castroverde, Rafael Villar, Lucía Novás, Baldo Ramos, Eduardo Estévez, Xurxo Alonso, Marcos Calveiro, Isidro Novo, Xosé Luís Mosquera Camba, Paulino Peña Álvarez, Eli Ríos, Miro Villar, Emma Pedreira, Roi Vidal, Dores Tembrás, Oriana Méndez, Eva Veiga e Modesto Fraga.

Co fin de favorecer a creación literaria en galego, a Consellería de Cultura e Educación vén colaborando co Premio de Poesía Concello de Carral, que constitúe unha plataforma privilexiada para dar a coñecer a obra dos a autores premiados, a través da colección de poesía da Editorial Espiral Maior. Nesta colección viron a luz os libros das primeiras 18 edicións do certame. Proximamente sairá do prelo a obra galardoada na pasada edición, ‘Devalar sen pel’, de Modesto Fraga, que se presentará o mesmo día no que se lle faga entrega do premio ao gañador ou á gañadora da vixésima edición do certame.

Print Friendly
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada