O presidente da RAGC cualificou os premios coma “unha acción de estímulo dirixida a todos os investigadores e dun acto encamiñado a poñer en valor a ciencia ante a sociedade”

Os galardóns distinguiron o traballo de científicos do CSIC e do IDIS, con dúas mencións honoríficas a investigadores da USC

O arquitecto Manuel Gallego Jorreto, o sociólogo Antón Álvarez Sousa e os expertos en nanociencia Arturo López Quintela e José Rivas ingresarán como académicos da RAGC este ano.

O arquitecto Manuel Gallego Jorreto, o sociólogo Antón Álvarez Sousa e os expertos en nanociencia Arturo López Quintela e José Rivas ingresarán como académicos da RAGC este ano.

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) entregou esta tarde os seus Premios de Investigación Ernesto Viéitez 2016 a científicos do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) e do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS) nun acto celebrado en Compostela, coincidindo coa apertura do curso académico da institución. Ao recoller os seus galardóns, os premiados demandaron máis investimento en ciencia para lograr “un modelo produtivo moderno e sen límites”.

Ao acto asistiu unha nutrida representación da comunidade científica galega, ademais do conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez; o presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares; a directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; o director do Centro de Supercomputación de Galicia, Javier García Tobío; e representantes das universidades.

O presidente da RAGC, Miguel Ángel Ríos Fernández, anunciou a incorporación de catro novos académicos á institución ao longo deste ano: o arquitecto Manuel Gallego Jorreto, o sociólogo da UDC Antón Álvarez Sousa, o químico da USC especialista en nanomateriais Arturo López Quintela e o físico da USC José Rivas, especialista nos aspectos magnéticos dos nanomateriais. Ademais, dedicoulle unha agarimosa lembranza aos académicos falecidos en 2016, Ramón de Vicente, Odón Abad e Luís Suárez-Llanos, este último un dos fundadores da RAGC.

Ríos avanzou tamén a próxima apertura do prazo para a presentación de candidaturas aos Premios de Investigación na súa edición 2017, xunto coa dos Premios de Transferencia de Tecnoloxía de Galicia, convocados conxuntamente coa Axencia Galega de Innovación (Gain).

Sobre os galardóns entregados hoxe, o presidente da RAGC asegurou que se trata “dunha acción de estímulo dirixida a todos os investigadores e dun acto encamiñado a poñer en valor a ciencia ante a sociedade”. Na apertura do novo curso académico, sinalou que as actividades da RAGC intensificarán este ano o seu papel na comunicación social da ciencia, sempre na súa vertente ética, como camiño de aproximación á verdade e como motor do desenvolvemento económico e do benestar social.

Na mesma liña, durante a súa intervención en representación de todos os galardoados, a investigadora do Instituto de Investigacións Mariñas (IIM) do CSIC Mónica Carrera afirmou que os descubrimentos científicos son cada vez máis determinantes no progreso social e económico, polo que demandou “un compromiso non só dos científicos senón tamén dos poderes públicos e de todos os cidadáns” coa investigación. Carrera explicou que, a pesar de vir “dunha etapa dura e difícil pola diminución de recursos adicados a investigación, a vontade da comunidade científica é devolverlle á sociedade o investimento que se fai nela”, polo que demandou máis fondos para ciencia co obxectivo de lograr “un modelo produtivo moderno e sen límites”.

A investigadora do IIM engadiu que reciben o galardón con especial ilusión por coincidir co ano no que Ignacio Ribas Marqués, fundador da Escola Galega de Química Orgánica, foi homenaxeado no Día da Ciencia en Galicia 2016.

NA VANGARDA

Os dous traballos galardoados hoxe demostran que Galicia se atopa na vangarda das ciencias da vida, con investigacións punteiras nos campos da seguridade alimentaria e da saúde.

O Premio de Investigación 2016 foille concedido ao equipo formado por Mónica Carrera, José Manuel Gallardo, Santiago Pascual, Ángel González e Isabel Medina, membros do Instituto de Investigación Mariña que o CSIC ten en Vigo. O seu traballo derivou no deseño dun novo método de control rápido e específico para a detección de anisakis, que supera as limitacións dos propostos ata o de agora, demasiado laboriosos e lentos ou incapaces de cubrir diferentes especies. En menos de dúas horas, o método dos científicos do IIM é capaz de detectar as variedades de anisakis máis comúns, revelándose así como unha solución eficaz para que a industria pesqueira poida garantir a seguridade dunha ampla gama de produtos, xa que este parásito está presente en especies tan comerciais como a pescada, o bacalao, o xurelo, a xarda ou o calamar.

Na categoría de Promoción de Novos Investigadores, convocado pola RAGC para promocionar o traballo dos científicos galegos menores de 28 anos, o premio foi recollido por Silvia Barja, do Grupo de Fisiopatoloxía Endócrina do IDIS. A súa investigación conclúe que unha dieta alta en graxa diminúe a produción no estómago dunha proteína capaz de actuar como protectora fronte á obesidade.

Recolleron unha mención honorífica, na categoría do Premio de Investigación, matemáticos da USC Alberto Cabada e Lorena Saavedra e, na categoría de investigadores mozos, Jessica Rodríguez, do Centro Singular de Investigación en Química Bioloxía e Materiais Moleculares (CIQUS) da USC.

A lección inaugural do curso académico da RAGC estivo a cargo de Pedro Merino, co título “Materiais avanzados para a enxeñaría: Dos micro aos nanoestruturados”. Nela, o académico explicou o salto cualitativo que están a supoñer para a enxeñaría os novos materiais baseados na nanociencia.

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada