‘Ilustrísima’ de Carlos Casares terá unha primeira versión ao inglés

A Xunta promove a mostra ‘Casares na Biblioteca de Galicia’

Presentouse un avan ce da programación que inclúe mostras, iniciativas de participación social, edicións conmemorativas, estudos críticos ou traducións, así como unha programación divulgativa e académica, actividades de dinamización lingüística nos centros educativos e de promoción e difusión da obra de Casares nas bibliotecas, articulan o groso do programa da Xunta de Galicia

Presentouse un avance da programación que inclúe mostras, iniciativas de participación social, edicións conmemorativas, estudos críticos ou traducións, así como unha programación divulgativa e académica, actividades de dinamización lingüística nos centros educativos e de promoción e difusión da obra de Casares nas bibliotecas, articulan o groso do programa da Xunta de Galicia

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, presentou esta mañá na sala Eisenman do Gaiás o avance da programación da Xunta de Galicia para conmemorar as Letras Galegas 2017, dedicadas ao ourensán Carlos Casares Mouriño. Persoeiro que, en palabras do titular de Cultura representa “o cerne do galeguismo que queremos”, destacando del que “foi unha persoa íntegra e conciliadora, que entendeu Galicia como proxecto de suma de vontades”.

Así mesmo, Román Rodríguez afirmou que o Día das Letras é unha conmemoración á que a Xunta, canda a promotora da celebración, a Real Academia Galega, e en conxunto con outras administracións, entidades e organismos, se suma co espírito de loa e promoción social da nosa literatura e da nosa lingua propia. Procurando ademais un traballo transversal na dinamización e uso do galego a nivel social.

A programación conxunta das Letras Galegas inclúe mostras, iniciativas de participación social como roteiros, concursos e homenaxes, edicións conmemorativas, estudos críticos ou traducións, así como unha programación dobre, con orientación divulgativa e académica, actividades de dinamización lingüística nos centros educativos e de promoción e difusión da obra de Casares nas bibliotecas de Galicia.

Ademais do conselleiro de Cultura e Educación, participaron na rolda de prensa o presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero; o presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares Paz; o presidente da Fundación Carlos Casares, Xavier Casares Mouriño; a directora da Televisión de Galicia, Rosa María Vilas Núñez; o director do Centro PEN Galicia, Luís González Tosar; o director xeral de Galaxia, Francisco Castro Veloso; o deputado provincial de Cultura da Deputación de Ourense, Manuel Doval Soto; a concelleira de Educación, Cultura, e Comercio do Concello de Ourense, Belén Iglesias Cortés; e o concelleiro de Turismo de Xinzo de Limia, Carlos Gómez. Igualmente, estiveron presentes Anxo Lorenzo e Valentín García, secretarios xerais de Cultura e Política Lingüística, respectivamente.

NO EXTERIOR

En canto ao eido expositivo, a Xunta promove a mostra “Casares na Biblioteca de Galicia”. Este centro custodia a biblioteca e o arquivo persoal de Carlos Casares, con preto de 6.000 volumes, entre os que se inclúen primeiras edicións e coleccións completas de destacados autores da literatura galega, ademais de manuscritos, cartas, fotografías etc. Unha selección destes fondos poderase ver nesta exposición conmemorativa das Letras Galegas.

A maiores, desde o Goberno galego apoiarase outros importantes proxectos expositivos temporais e itinerantes que achegarán a figura de Casares ao público, como son “Os mundos de Carlos Casares”, “O Principiño ao redor do mundo”, “Carlos Casares e a fotografía” ou “As caras dos libros”.

Para completar ese coñecemento, ademais do traballo que se realice en Galicia, cómpre facer un labor de divulgación fóra. Para isto a Secretaría Xeral de Cultura, en coedición con Small Stations Press, promove a primeira versión en inglés da obra ‘Ilustrísima’. A maiores, os Centros de Estudos Galegos da Secretaría Xeral de Política Lingüística desenvolverán, en universidades de todo o mundo durante o mes de maio, diversas actividades de promoción do autor ourensán.

COÑECENDO

No caso da programación divulgativa e académica, haberá diversos faladoiros, ciclos de conferencias e xornadas que terán o seu colofón no “Simposio Carlos Casares”. A Real Academia, o Consello da Cultura e a Fundación Carlos Casares, co apoio da Xunta de Galicia, desenvolverán durante o mes de novembro nas cidades de Santiago, Ourense e A Coruña un ciclo de conferencias e de relatorios sobre todos os aspectos salientables da vida e obra de Casares.

Ademais, Casares terá tamén unha oferta plural de iniciativas na Internet que levarán a súa figura á rede, universalizando o acceso e descubrindo novas facetas do persoeiro. Por unha banda, Galiciana −o repositorio dixital da nosa comunidade, dependente da Biblioteca de Galicia e integrado no proxecto comunitario Europeana− prepara un micrositio dedicado a Carlos Casares, para mellorar a difusión dos valiosos fondos bibliográficos en formato dixital de ou sobre Casares, potenciando a súa accesibilidade universal na rede.

E por outra desenvolverase o proxecto “As Letras no patrimonio documental”. O Sistema de Arquivos de Galicia custodia un patrimonio escrito de diversas épocas que fai referencia ao Día das Letras e aos seus protagonistas. Para dalo a coñecer, o Arquivo de Galicia realizará unha selección destes documentos que publicará en formato electrónico e que se porá a disposición pública.

DINAMIZACIÓN

Dentro da programación para a Dinamización Lingüística, cómpre destacar dous proxectos para o uso e promoción do galego entre a infancia e a mocidade: “A galiña azul” e “O tren que me leva.”

FalaRedes, o programa de dinamización lingüística da Xunta, incorpora en 2017 unha proposta escénica para fomentar o lecer en galego dos máis pequenos, cun espectáculo teatral baseado no libro “A galiña azul”. A función, baixo a dirección de Galaxia, percorrerá 21 concellos da Rede de Dinamización Lingüística ao longo do ano.

Ademais, en colaboración con Renfe porase en marcha un programa de rutas, “O tren que me leva”, que ten entre os seus obxectivos educativos achegarlle o galego á mocidade e dar a coñecer a figura de Casares. Está dirixido a alumnado de 5º e 6º de primaria e de educación secundaria de centros de titularidade autonómica.

Así mesmo, entre as actividades para o ámbito educativo cómpre destacar o “Concurso-Exposición das Letras Galegas 2017”. A Secretaría Xeral de Política Lingüística convocou un concurso aberto aos centros de ensino non universitario galegos para a realización dunha mostra de carteis divulgativos sobre a obra e a época de Carlos Casares.

As propostas gañadoras para primaria e secundaria, acompañadas das correspondentes unidades didácticas, serán editadas e distribuídas en máis de 1.600 puntos de Galicia e do exterior, entre centros educativos, bibliotecas e casas da cultura, centros galegos da emigración etc.

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada