A estratexia de internacionalización de Galicia busca acadar as 8.000 empresas exportadoras e incrementar nun 25% o investimento extranxeiro en 2020

Goberno galego ten na internacionalización do tecido empresarial un dos piares básicos para mellorar a súa competitividade e impulsar o crecemento económico. Neste contexto, o Consello da Xunta coñeceu hoxe a Estratexia de internacionalización da empresa galega 2020, que nace desde a unidade de acción e o diálogo mantido con todos os axentes implicados de cara a coordinar e facilitar a internacionalización das empresas galegas, impulsando investimentos e creando emprego. Así, entre os principais obxectivos do plan está o de incrementar nun 25% o investimento estranxeiro en Galicia e o número de empresas exportadoras ata acadar as 8.000 no 2020.

Neste sentido, o novo plan, que suma 50 millóns de euros nos próximos dous anos e que se encadra no marco da Axenda da Competitividad e Industrial Galicia Industria –4.0, non só aspira a manter o crecemento das exportacións galegas, senón que busca facer de Galicia un foco de atracción de investimentos especializado en sectores e países concretos. Un esforzo orientado tanto ás empresas estranxeiras que desexenapostar por Galicia como a aquelas xa establecidas que poidan realizar novos investimentos.

 

Así mesmo, cómpre salientar que a Estratexia, que persegue incrementar a participación das exportacións no PIB da Comunidade ata acadar o 40% no ano 2020,se sustenta sobre a base do diálogo e a vontade de colaboración. Neste sentido, durante os últimos meses mantivéronse distintas reunións cos axentes económicos e sociais galegos, unha ducia de encontros coas asociacións empresariais de toda Galicia e celebrouse o Foro da Internacionalización. Entre os máis de 300 participantes consensuouse un documento final que sumou máis dun centenar de achegas.

 
O dito foro, nacido con carácter de continuidade, conta coa participación das principais empresas exportadoras galegas, e serve de base para experiencias e trasladalas ao tecido produtivo galego, facendo destas grandes compañías as principais tractoras das pemes galegas na súa aposta pola internacionalización.

 
5 eixes de actuación e 20 medidas destacadas

 
De cara a conseguir incrementar o volume das exportacións galegas e seguir insistindo na atracción de investimentos, a Estratexia conta con 5 eixes de actuación centrados nas pemes: o fomento da cultura de internacionalización, o incremento da presenza das pemes en mercados internacionais, a propia atracción de investimentos, a consolidación da imaxe de Galicia no exterior, e a unidade de acción de axentes, pemes e entidades financeiras.

 
Así, no primeiro destes eixes apóstase por promover unha cultura dainternacionalización no empresariado galego. Para isto, impulsarase a formación en idiomas de contido comercial e levaranse a cabo talleres de International Marketing Expertise con empresas e directivos para analizar mercados retallistas cun alto nivel de especificidade. Ademais, activarase unha liña de excelencia educativa en internacionalización, que incluirá a posibilidade de realizar bolsas no estranxeiro, e consolidarase o apartado de internacionalización do programa ReAcciona de cara a facilitar a saída das pemes ao exterior.

 

Deste xeito, e en consonancia co segundo eixe, apóiase a presenza das pequenas e medianas empresas galegas nos mercados internacionais. Obxectivo reforzado con outras medidas entre as que destacan a activación dun programa de mentorización e tutelaxe das grandes empresas galegas implantadas con éxito noutros países, e a identificación de sectores e actividades fast track nos que polo seu alto valor engadido resulta necesario un impulso específico.

 
Así mesmo, crearase unha rede de canles de distribución por mercados, para facilitar a entrada das empresas e eliminar barreiras de coñecemento, e poranse en marcha 12 plans operativos sectoriais específicos para as áreas estratéxicas da economía galega: agroindustria e mar-industria, naval, automoción, pedra natural, enerxías, téxtil, TIC,biotecnoloxía, enxeñaría, madeira, audiovisual e loxística integrada.

 
En terceiro lugar, a Estratexia busca atraer novos investimentos estranxeiros a Galicia, para o que se porán en marcha distintas liñas de apoio a proxectos de internacionalización tanto a través de instrumentos financeiros propios e alleos como da colaboración coa Rede Galega de Business Angels. Ao mesmo tempo, favorecerase o peche de ciclos produtivos en Galicia mediante a identificación de oportunidades para a atracción de investimentos, e intensificarase a colaboración con entidades con capacidade de financiamento como o BEI, Cofides, oICO ou Enisa.

 
O cuarto eixe atende á consolidación da imaxe de Galicia no exterior, para o que se desenvolverán campañas sectoriais en mercados estratéxicos de cara a reforzar a imaxe e presenza dos sectores económicos baixo a marca Galicia Calidade. Así mesmo, impulsarase unha estratexia integrada que potencie Galicia como plataforma loxística, e intensificaranse as campañas de sensibilización sobre a calidade dos produtos e servizos galegos.

 
Creación de 4 antenas comerciais

 
Todas estas actuacións, e conforme o quinto eixe da Estratexia, levaranse a cabo, unha vez máis, desde a unidade de acción dos axentes, pemes e entidades financeiras. Para isto, no caso da propia Administración, o Igap e será o encargado de definir, coordinar e realizar un seguimento continuo das políticas de internacionalización que desenvolverá a Xunta.

 
Así mesmo, manterase o esforzo a través das oito plataformas da rede Pexga, e activaranse catro antenas comerciais ao longo deste ano en Perú, Dubai, Canadá e Alemaña, como instrumentos complementarios e máis flexibles que se focalizarán en sectores concretos.

 
Un esforzo conxunto por potenciar a internacionalización da economía galega que se estende ás autoridades portuarias e á Zona Franca de Vigo, coas que se manterá unha especial colaboración para facilitar a atracción de investimentos a Galicia; aos centros tecnolóxicos e aos clústeres, para favorecer o posicionamento da Comunidade como polo de innovación e coñecemento; e ao novo programa Primex, máis flexible e accesible de cara a estreitar a colaboración interempresarial galega na procura de novos mercados.

 
Co desenvolvemento da Estratexia, o Goberno galego consolida o traballo realizado ata o de agora, en colaboración co tecido produtivo, en materia de internacionalización, facendo dos mercados exteriores un motor de crecemento. Un traballo conxunto que permitiu en 2013 acadar un récord histórico de exportacións e balanza comercial e que contribuíu, nos primeiros 11 meses de 2014, a sumar 16.500 millóns en exportacións.

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada