Producións Excéntricas estrea en Santiago ‘A cabeza do dragón’, o primeiro Valle-Inclán en galego

Quico Cadaval dirixe un elenco de oito actrices e actores nesta fábula esperpéntica da que se ofrecerán seis funcións no Teatro Principal o 3, 4, 5, 9, 10 e 11 de marzo, as tres primeiras incluídas na programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios

Producións Teatràis Excéntricas estrea este venres no Teatro Principal de Santiago ‘A cabeza do dragón’.

Producións Teatràis Excéntricas estrea este venres no Teatro Principal de Santiago ‘A cabeza do dragón’.

Producións Teatràis Excéntricas estrea este venres no Teatro Principal de Santiago ‘A cabeza do dragón’, primeira versión en galego dunha peza de Ramón María del Valle-Inclán. Tras a liberación dos dereitos da obra do autor arousán, a compañía compostelá escolleu esta farsa esperpéntica para poñer en escena a Valle nun espectáculo de oito actrices e actores, con Quico Cadaval na dirección.

A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) colabora nesta estrea a través da Rede Galega de Teatros e Auditorios, circuíto no que se inclúen as tres primeiras funcións de ‘A cabeza do dragón’ no Principal, onde permanecerá dúas semanas: días 3, 4, 5, 9, 10 e 11 de marzo, ás 20.30 horas.

Así o destacou hoxe Jacobo Sutil, director da Agadic, quen participou na presentación da estrea xunto á Martiño Noriega, alcalde de Santiago; Quico Cadaval, director da montaxe, e todo o seu equipo artístico. Sutil tamén explicou que o apoio da Agadic a este primeiro Valle en galego materialízase, así mesmo, a través da subvención que a compañía recibiu para poñer en pé esta proposta a través da convocatoria de axudas á produción escénica de 2016, na modalidade de gran formato.

TODO UN FITO

O responsable da Agadic cualificou de fito para o noso teatro esta estrea, ao tempo que expresou o seu desexo de que a esta lle sigan outras moitas oportunidades para normalizar o tratamento en galego do repertorio de Valle-Inclán. Neste sentido, aproveitou para anunciar que o Centro Dramático Galego comezará a ensaiar esta mesma semana o seu ‘Martes de Carnaval’, que inclúe as pezas ‘As galas do defunto’ e ‘A filla do capitán’, cara á súa estrea o 20 de abril no Salón Teatro, tamén en Santiago.

Iván Marcos, Yelena Molina, Víctor Mosqueira, Patrica Vázquez, María Costas, Josito Porto, Marcos Orsi e o propio Quico Cadaval interpretan a historia da viaxe ao corazón do dragón que se narra en todas as culturas do mundo. Trátase dunha fábula que Valle-Inclán manipulou brillantemente con elementos actuais, crítica social, brincadeiras políticas ou anacronismos argumentais para levala cara ao esperpento.

MÁSCARAS E COMBATES

No 80º aniversario da morte do gran escritor galego, ‘A cabeza do dragón’ que propón Excéntricas móvese entre a influencia xaponesa e a tradición da farsa europea para construír un espectáculo cheo de máscaras e combates acrobáticos. A crear esta atmosfera contribúen a escenografía e a iluminación de Baltasar Patiño, o vestiario e o deseño gráfico de Suso Montero, a música composta ad hoc por Javier María López e gravada polo Taller Atlántico Contemporáneo (TAC) baixo a batuta de Diego García, e as coreografías de loitas e combates ideadas por Iván Marcos, entre outras achegas.

Tras a liberación dos dereitos da obra do autor arousán, a compañía compostelá leva a escena por primeira vez en galego unha das súas pezas teatrais, para o que contou cunha subvención da Agadic a espectáculos de gran formato.

Tras a liberación dos dereitos da obra do autor arousán, a compañía compostelá leva a escena por primeira vez en galego unha das súas pezas teatrais, para o que contou cunha subvención da Agadic a espectáculos de gran formato.

As entradas para as seis representacións da nova produción de Excéntricas en Santiago están xa á venda no Teatro Principal, aberto de martes a xoves de 18.00 a 21.00 horas e de venres a domingo (só para as funcións do día) de 18.00 a 20.00 horas. Tamén se poden adquirir na web entradas.abanca.com ou no teléfono 902 434 443.

Tras a súa estadía Compostela, ‘A cabeza do dragón’ emprenderá unha ampla xira galego-portuguesa para a que xa ten confirmadas unha vintena de datas na Coruña, O Barco de Valdeorras, Cangas, Carballo, Muros, Vigo, Oleiros, Ames, Noia, A Pobra do Caramiñal, A estrada, Rianxo, Cariño, Lalín, Matoshinhos (Portugal), Narón e A Illa de Arousa, moitas delas cofinanciadas pola Agadic e os concellos como parte da programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios.

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada