112 traballos académicos e de fin de grao, carreira e mestrado concorreron aos 15 recoñecementos outorgados polas comisións de normalización lingüística dos campus compostelán e lugués

Valentín García participou hoxe ao mediodía no acto de entrega de galardóns da décimo segunda edición desta iniciativa que promove a USC co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Valentín García participou hoxe ao mediodía no acto de entrega de galardóns da décimo segunda edición desta iniciativa que promove a USC co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

“Os Premios á Calidade Lingüística que promove a Universidade de Santiago de Compostela (USC) co apoio da Xunta de Galicia impulsan o uso e a visibilización da lingua galega no ensino superior incentivando que alumnado universitario elabore os seus traballos académicos ou de fin de grao, carreira ou mestrado no noso idioma propio”. Así o sinalou hoxe ao mediodía o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, no acto de entrega da XII edición destes galardóns, no que 15 alumnos e alumnas dos campus compostelán e lugués da USC recolleron os seus premios, aos que concorreron canda case outro cento de compañeiros e compañeiras que tamén optaron a eles.

Recibirán cadansúa unha dotación económica de 500 (na modalidade de fin de mestrado), 300 (nas modalidades de fin de grao e de fin de carreira) e 150 euros (na modalidade de traballo académico). Participaron tamén na cerimonia de entrega, que se celebrou na Facultade de Xeografía e Historia da USC, a vicerreitora de Servizos Universitarios do Campus de Lugo, Mª do Carme Silva; o decano, Francisco Durán; e o director do Servizo de Normalización Lingüística, Manuel Núñez Singala.

FIN DE MESTRADO

Fixéronse cos galardón en Enxeñaría, Álvaro Fernández Braña polo traballo ‘Desenvolvemento dun algoritmo simple para estimar materia particulada en entornos urbanos a partir de datos masivos’; en Ciencias Sociais e Xurídicas, Víctor Míguez Rego, polo traballo ‘O ensino da gramática na educación secundaria: entre o o uso e a reflexión’; e na de Ciencias Julio Corredoira, polo traballo ‘Complexos heterometálicos de zinc e lantánidos como potenciais imáns unimoleculares e axentes de contraste para imaxe por resonancia magnética’.

Na área de Ciencias da Saúde resultou gañadora Sara Fernández Martín, polo seu ‘Programa de intervención en comunicación e linguaxe baseado na memoria autobiográfica e narrativas no envellecemento’, mentres que na de Arte e Humanidades o levou Philip Webb, polo traballo ‘A emigración galega ao Paraguai (1870-1932), un caso atípico no proceso migratorio’.

FIN DE GRAO E CARREIRA

Levaron os premios, en Enxeñería, Pablo Negreira polo traballo ‘Avaliación das propiedades físicas da madeira en clons de cerdeira e de nogueira de oito anos de idade procedentes de plantacións sometidas a silvicultura intensiva’; na de Ciencias Sociais e Xurídicas gañaron ex aequo Luis Martín Agrelo por ‘A percepción da paisaxe da Illa de Cortegada’ e Beatriz López por ‘ Proposta de intervención para regular as emocións no TEA a través do ioga no contexto educativo’. Na área de Ciencias, Cristovo Taboada por ‘O oso pardo (Ursus arctos) en España: historia natural e conservación’; e na de Ciencias da Saúde, Saleta Corral, por ‘Idoneidade dos líquidos de mantemento para as lentes de contacto’. Na de Arte e Humanidades o premio tamén foi ex aequo para Anxo Rodríguez por ‘A xénese dun santuario de época moderna: Santa Liberata de Baiona’ e Tamara Rial Montes por ‘Ola, señor, dásme o libro?’.

TRABALLOS ACADÉMICOS

Por último, os premios á calidade na modalidade de traballos académicos recibíronos Tamara Rial Montes, polo titulado ‘A flexión de xénero nos nomes en –ANU(M). Historial sociolingüístico’ e mais Uxía Novoa, Álvaro Prieto, Adrián Saavedra e Jesús Somoza, por ‘A lingua móvenos’.

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada