Anxo Tarrío, coordinador da edición: “A meticulosidade deste poeta [Manoel Antonio] era case obsesiva”

O Consorcio de Santiago e Alvarellos Editora publican o manuscrito inédito da obra “De catro a catro” de Manoel Antonio, coordinado polo catedrático Anxo Tarrío.

O Consorcio de Santiago e Alvarellos Editora publican o manuscrito inédito da obra “De catro a catro” de Manoel Antonio, coordinado polo catedrático Anxo Tarrío. É un dos libros de poesía galega máis relevantes de todos os tempos, considerado como unha das cimas universais da poesía vangardista.

O Consorcio de Santiago e Alvarellos Editora, en colaboración coa Universidade de Santiago, publican o manuscrito inédito da obra De catro a catro de Manoel Antonio. Esta tarde, o alcalde de Santiago e presidente do Consorcio da cidade, Martiño Noriega, presentou a publicación na Fundación Torrente Ballester.  Ao acto asistiu a xerente do Consorcio, Belén Hernández; o responsable de Publicacións do organismo interadministrativo, Juan Conde; xunto ao director da editorial Alvarellos, Henrique Alvarellos. O coordinador desta edición e responsable da transcrición dos textos é o catedrático Anxo Tarrío.

Este manuscrito inédito publícase en edición facsimilar, respectando fielmente o formato orixinal no que foi creado. De catro a catro, escrito por Manoel Antonio (Rianxo, 1900-1930) entre os anos 1926 e 1927, a bordo do paquebote Constantino Candeira, é un dos libros de poesía galega máis relevantes de todos os tempos. Está considerado ademais como unha das cimas universais da poesía vangardista.

O manuscrito orixinal de Manoel Antonio que agora ve a luz é o documento polo que se guiou o seu editor, Ánxel Casal, -controlado moi de preto polo propio poeta- para compoñer o libro De catro a catro. Follas sin data d´un diario d´abordo, que sairía do prelo de Nós. Publicacións Galegas e Imprenta, na rúa Real da Coruña, en marzo de 1928.

Ve a luz, noventa anos despois da súa creación, nunha coidada edición facsimilar que respecta fielmente o formato orixinal .

Ve a luz, noventa anos despois da súa creación, nunha coidada edición facsimilar que respecta fielmente o formato orixinal .

O manuscrito é unha peza única, propiedade dos herdeiros de Domingo García-Sabell, que o cederon xenerosamente para proceder á súa divulgación. Atópase en moi bo estado de conservación, polo que foi posible abordar esta edición facsimilar e a transcrición íntegra do texto. O coidado desta edición, que inclúe a transcrición do texto coa identificación das súas variantes, e a reprodución de fotografías e ilustracións, correu a cargo do catedrático de Filoloxía Galega e Portuguesa da Universidade de Santiago Anxo Tarrío.

Os editores aseguran que esta edición facsimilar será de grande atractivo para o público en xeral e, en particular, para os estudosos da literatura vangardista galega, española e tamén europea.

 ANXO TARRÍO: “A METICULOSIDADE DO POETA ERA CASE OBSESIVA”

Manoel Antonio escribiu os seus versos nun caderno contable. Así, o manuscrito é unha libreta común de asentos contables, como as que aínda hoxe poden verse nas papelerías: apaisada, de 215 x 153 milímetros, con tapas de cartón forradas cunha fina película de papel xaspeado, en cor azul mariña e lombo en tea cor beixe; que encadernan un corpo de 65 follas de papel pautado en liñas verticais e horizontais, negras, azuis e vermellas de diferentes grosores para as operacións que se debían rexistrar.

Cómpre ter en conta que Manoel Antonio se familiarizaría con este tipo de cadernos durante os seus estudos de ensino non oficial, pois tivo que examinarse na Escola Náutica de Vigo da materia Elementos de Contabilidade, tal como consta no xustificante expedido pola Secretaría, con data de 21 de agosto de 1920, certificando os pagos dos correspondentes “Derechos académicos”, que se reproduce nesta edición, e na que obtivo a cualificación de Notable.

“Unha vez lido con atención o manuscrito enténdese mellor por que Manoel Antonio puido ter elixido un tipo de libreta destas características para asentar o seu poemario máis prezado. A meticulosidade deste poeta era case obsesiva. Non sabemos cantos borradores preceden a este, que, con seguridade, é o que tivo diante o impresor para levar a cabo a primeira edición de De catro a catro, datada no 27 de marzo de 1928” -salienta o profesor Anxo Tarrío.

Manoel Antonio.

Manoel Antonio.

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada