Permanece aberto o prazo para solicitar axudas do Leader xestionadas polos GDR ata o día 31 deste mes

A conselleira do Medio Rural visitou hoxe en Rodeiro as instalacións do Fogar Enxebre que foron construídas grazas a unha axuda deste programa europeo.

A conselleira do Medio Rural visitou hoxe en Rodeiro as instalacións do Fogar Enxebre que foron construídas grazas a unha axuda deste programa europeo.

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, sinalou hoxe que ata final de mes está aberto o prazo para que os promotores interesados en levar a cabo proxectos no rural presenten os mesmos aos seus correspondentes Grupos de Desenvolvemento Rural. Aínda que os GDR están abertos de forma permanente á recepción de ideas, o día 31 de marzo terán que presentar ante á Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) o listado coas súas propostas para que sexan resoltas e recibir á correspondente axuda do Agader. Ángeles Vázquez sinalou que este ano os proxectos competirán para seren elixidos, a través da concorrencia competitiva, o que mellorará aínda máis a calidade dos proxectos á que se asignan os fondos públicos.

A titular de Medio Rural fixo estas declaracións nunha visita onde coñeceu unha das iniciativas subvencionadas polo Leader 2007-2013 como é o Fogar Enxebre, unhas instalacións situadas na parroquia de Río, no concello de Rodeiro, e que serven como vivenda tutelada, centro de día e de rehabilitación, entre outras funcións. A posta en marcha desta casa ofreceu un servizo inexistente ata o momento na zona e supuxo a creación de catro postos de traballo, tres dos cales pertencen a colectivos desfavorecidos. O investimento ascendeu a 132.395 euros e contou cunha axuda do 35% (46.338 euros) que xestionou o GDR da zona.

Neste sentido, previamente á visita do fogar, a conselleira mantivo un encontro coa xunta directiva deste Grupo de Desenvolvemento Rural Pontevedra Norte na súa sede na que fixeron balance do orzamento co que contará nesta nova convocatoria do Leader 2014-2020. Neste sentido, está previsto que o GDR 16 Pontevedra Norte reciba 3,7 millóns de euros. No anterior período (2007-2013) este grupo recibiu preto de 3 millóns de euros cos que puido desenvolver ata 81 proxectos elixidos por eles mesmos seguindo a filosofía deste programa europeo de abaixo á arriba. Estas iniciativas traducíronse nun investimento de máis de 7,5 millóns só nesta comarca.

Vázquez insistiu na importancia destas axudas para a creación de riqueza e emprego no rural galego, pero tamén na súa contribución á hora de mellorar calidade de vida a través de novos servizos de carácter social. De feito, a responsable autonómica sinalou que “entre os atractivos do Plan Leader está o feito de que o 25% da axuda recibida polos distintos grupos pode destinarse a proxectos de carácter non produtivo, que redunden en favorecer as condicións de vida dos veciños”. Neste tipo de actuacións inclúense dende infraestruturas de carácter social como locais veciñais ou centros de día, ata equipamentos informáticos ou renovacións do patrimonio histórico, artístico e medioambiental.

A titular do Medio Rural lembrou que de cara á convocatoria 2014-2020 o Programa Leader posibilitará un investimento de 84 millóns de euros. A través da anterior convocatoria, os Grupos de Desenvolvemento Rural resolveron 2.183 proxectos cunhas axudas de 91,7 millóns de euros que á súa vez supuxeron un investimento no rural superior aos 226 millóns de euros. Estas iniciativas supuxeron unha fonte de consolidación e creación de emprego no rural. Así, nos expedientes finalizados consolidáronse arredor de 4.000 postos de traballo e creáronse arredor de 1.000 novos empregos.

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada