circular-economyA Xunta de Galicia introduce a economía circular no debate sobre os modelos produtivos sustentables debido ao seu alto potencial como xeradores de emprego verde e novas oportunidades de negocio. A directora xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, María Cruz Ferreira, abordará estas cuestións nunhas xornadas organizadas pola Universidade de Santiago (USC) para estudar as vantaxes do sistema circular como un motor económico, respectuoso co entorno e con vocación de futuro.

Con estas xornadas, enmarcadas na actividade formativa do Máster de desenvolvemento económico e innovación da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, ponse de relevo a necesidade de buscar modelos económicos que contribúan a resolver os retos ambientais actuais, como son a loita contra o cambio climático e a redución e reutilización dos residuos. Unha liña na que a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio leva traballando nos últimos, pois confía nas posibilidades de transformación dos elementos de refugallo en novas materias primas e, polo tanto, na prolongación dos produtos e materiais co fin de volvelos a utilizar repetidamente e seguir creando valor.

Así, a directora xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, María Cruz Ferreira, explicará as iniciativas impulsadas dende o Goberno galego para a implantación do modelo circular que substitúa ao vello sistema de fabricar, usar e tirar. Proba diso é o recente nomeamento de Galicia para coordinar, xunto con Cataluña e Valencia, un grupo de traballo de Economía Circular e fondos europeos, creado no marco da Rede de Autoridades Ambientais do Ministerio de Agricultura, Produción Agraria e Medio Ambiente.

Cómpre salientar que a Comisión Europea colocou a economía circular na axenda ambiental e económica, a través do Plan de acción da Unión Europea para a Economía Circular; polo que Galicia debe ser parte activa neste eido e propor iniciativas que aposten por este modelo para a xestión dos residuos. En España, a Rede de Autoridades Ambientais é o foro de cooperación e coordinación entre as autoridades responsables en medio ambiente e as responsables de programación e de xestión dos fondos comunitarios, nos diferentes niveis administrativos.

 

A importancia da economía circular radica en que os produtos alongan a súa vida útil no mercado, mediante o ecodeseño, a reparación, reutilización e finalmente a correcta xestión como un subproduto útil. Ademais, o uso dos residuos como materias primas secundarias permite un uso menos intensivo dos recursos naturais e evita o seu depósito en vertedoiro.

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada
1