O Grupo Aluman factura xa no exterior máis da metade da súa produción e dá emprego a máis de 500 persoas

Ten en execución un total de 900 habitacións de hotel de alta gama para cadeas de prestixio como Grand Hyatt, Four Seasons, Hilton, Ritz Carlton e Hotusa

Aluman2O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Nuñez Feijoo, visitou esta mañá as instalacións de Grupo Aluman, onde mantivo unha reunión co equipo directivo da empresa na que lle trasladaron a súa intención de seguir apostando polo crecemento da súa fortaleza industrial, a súa capacidade técnica e vocación innovadora desde Galicia.

Pola súa banda, o presidente da Xunta sinalou que Grupo Aluman “é unha das empresas das que o Goberno galego sente máis orgulloso pola diversificación do seu negocio, a súa innovación, calidade e competitividade”.

O director xeral de Grupo Aluman aproveitou a ocasión para destacar o actual volume de encargos, con 200.000 m² de fachadas en execución, dos que o 30% realízase en países europeos como Francia, Reino Unido e Bélxica, entre outros. A compañía tamén se expandiu en Latinoamérica, onde xa é a primeira empresa do sector en Colombia e Panamá.

En paralelo, o negocio continuou diversificándose, ata o punto de que Aluman converteuse nun operador global líder en mobiliario retail e contract. Na actualidade, ten en execución un total de 900 habitacións de hotel de alta gama para cadeas de prestixio como Grand Hyatt, Four Seasons, Hilton, Ritz Carlton e Hotusa.Aluman1

Durante a visita, Feijóo referiuse ao Grupo Aluman como “a proba de que é posible desde Galicia, traballar en calquera lugar do mundo, exportar e competir”. Non en van, este grupo empresarial factura xa no exterior máis da metade da súa produción; dá emprego a máis de 500 persoas; aposta pola diversificación, ampliando a súa liña de negocio cara ao sector do contract e do equipamento comercial; e inviste en innovación.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou durante unha visita ao Grupo Aluman, o impulso do polígono empresarial de Morás en Arteixo como exemplo do compromiso por fomentar a actividade empresarial; por facilitar o camiño ás empresas que se queiran instalar en Galicia e a aquelas que desexen seguir crecendo no noso territorio e, polo tanto, seguir xerando emprego e riqueza. “Imos seguir traballando polas empresas que diversifican que innovan, que exportan e que crean emprego”, asegurou.

Logo de subliñar que a Xunta investirá no parque industrial de Morás, neste 2017, catro millóns de euros nas obras da estrada da Deputación -que conformará unha das vías principais-, e no inicio das obras de urbanización dos primeiros 1.100.000 metros cadrados, Feijóo subliñou que as empresas poderán acceder a solo deste polígono con bonificacións do 30% no prezo e tamén a través dunha nova modalidade como é o dereito de superficie, un alugueiro con dereito a compra cun custo de 1 euro/m2 ao ano.Aluman3

Ao longo da súa intervención, o titular da Xunta lembrou que, para poder ofrecer solo empresarial en condición vantaxosas, o Goberno galego comezou en 2015 a aplicar bonificacións no prezo do solo empresarial dos parques autonómicos, que poden chegar ata o 50%. “Grazas a estas bonificacións levamos adxudicados case 730.000 metros cadrados de solo, un 20% máis do adxudicado nos anos 2007 e 2008, previos á recesión económica”, precisou, ao que engadiu que esta cifra leva aparellada un investimento inducido de 400 millóns de euros e a creación de 10.000 postos de traballo.

Diante destes datos, o responsable do Executivo galego aseverou que actualmente a Xunta oferta 1,8 millóns de metros cadrados de solo en réxime de compravenda con descontos de entre o 30 e o 50%, isto é, a partir de 12,5 euros o metro cadrado, ademais doutras modalidades, como a adxudicación de solo en dereito de superficie, para facilitar que as empresas que o desexen se implanten pagando nel un canon desde tan só un euro por metro cadrado.

 

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada