Galicia homenaxea a Maruja Mallo, unha das figuras senlleiras do surrealismo internacional

Mallo2A vila de Viveiro acolleu este domingo o acto de homenaxe á artista Maruja Mallo, unha das figuras senlleiras do surrealismo internacional, á que a Real Academia Galega de Belas Artes Nosa Señora do Rosario lle dedica este ano o Día da Arte Galega.

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, que participou nesta celebración, avanzou que o Goberno galego ten deseñado un conxunto de iniciativas arredor de Maruja Mallo co fin de recoñecer a importancia desta artista no contexto das artes no século XX.

Román Rodríguez subliñou a “modernidade cosmopolita” desta musa da xeración do 27 que desde o seu Viveiro natal se proxectou cara o mundo a través de cidades tan diversas como Madrid, Arxentina, París, Santiago de Chile, Brasil ou Nova York. Segundo dixo, foi unha persoa valente que coa súa actitude e pensamento, cimentou as bases da muller moderna; e unha transgresora na arte, que foi quen de crear “a súa propia linguaxe artística” mesturando as distintas correntes que estaban chegando a España coa ollada á arte popular. O conselleiro invitou a recordar a Maruja Mallo como “unha galega universal por dereito propio” que fixo da arte o sentido da súa vida e que por riba de todo, contribuíu a facer Galicia.

No acto de hoxe tamén estiveron a alcaldesa de Viveiro, María Loureiro; o presidente da Real Academia de Belas Artes, Manuel Quintana Martelo; o presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos; o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; e o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, entre outros.

Mallo

A Consellería de Cultura e Educación ten deseñada unha ampla programación para dar a coñecer e afondar na traxectoria artística da pintora.

O Día das Artes Galegas oficializouse por primeira vez hai tres anos, coa dedicatoria ao Mestre Mateo; e o ano pasado o protagonista foi Castelao. Maruja Mallo recibe o recoñecemento nesta edición de 2017, segundo a propia Academia, pola importante significación do seu legado e da súa obra plástica, o seu contacto con artistas escritores e intelectuais como Dalí, Alberti, Lorca, Neruda, Breton ou Éluard, e as súa integración nas vangardas, así como o seu carácter transgresor e defensa dos dereitos da muller.

AMPLIA PROGRAMACIÓN

Co gallo desta conmemoración en homenaxe a Maruja Mallo, a Xunta de Galicia -a través da Consellería de Cultura- ten deseñado un variado programa de actividades en torno a esta creadora e que abrangue diversas iniciativas no ámbito das bibliotecas públicas con obradoiros, roteiros, conferencias, iniciativas na rede e mostras bibliográficas; a incorporación do Día da Arte Galega ao Calendario do Libro e da Lectura 2017; e proxectos expositivos nos distintos museos públicos, entre outros.

De feito, ata o vindeiro venres o Museo Pedagóxico de Galicia ten marcha o roteiro ‘En feminino: un recordo ás mulleres comprometidas coa educación en Galicia’. Esta actividade consiste nun roteiro deseñado para as persoas que visiten o Mupega, no que se destacan espazos expositivos relacionados con mulleres galegas que xogaron un papel activo na educación, con especial atención á figura de Maruja Mallo.

Así mesmo, baixo o lema ‘Lembrando a Maruja Mallo’, o Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) acollerá entre abril e maio unha actividade que inclúe unha exposición de pezas da creadora que inclúe litografías, textos e imaxes da obra da artista que pertencen á Colección do museo, e un punto de documentación específica na biblioteca do centro, con catálogos e libros sobre a súa vida e a súa obra.

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada
1