Feijóo constata o compromiso do Goberno central cos asuntos prioritarios para Galicia como o AVE, o reto demográfico e o Xacobeo 2021

fEIJOO

O presidente da Xunta mantivo esta mañá unha reunión coa vicepresidenta do Goberno, Soraya Sáenz de Santamaría.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, constatou hoxe durante unha reunión coa vicepresidenta do Goberno central, Soraya Sáenz de Santamaría, o compromiso cos asuntos prioritarios para Galicia entre os que destacou o AVE, o reto demográfico e o Xacobeo 2021.

En canto ao AVE, Feijóo valorou o coñecemento da vicepresidenta sobre o tema e a confirmación de que os presupostos do Estado recollen unha previsión suficiente para garantir o avance do tren de alta velocidade segundo o calendario comprometido e co obxectivo de que chegue a Galicia no terceiro trimestre de 2019.

Ambos os mandatarios avaliaron tamén as obras de rehabilitación da Catedral de Santiago e coincidiron en que, ademais de manter esta colaboración -reflectida no protocolo firmado polo presidente Mariano Rajoy-, é necesario ampliala con outras posibles vías de colaboración de cara ao Xacobeo 2021, “un ano fundamental tanto para Galicia como para o conxunto de España”, dixo Feijóo.

Durante a xuntanza, o presidente da Xunta puxo de manifesto que Galicia é unha Autonomía responsable que está contribuíndo a que a situación de España sexa cada vez mellor. Non en van, a Comunidade galega foi unha das autonomías que, un exercicio máis, seguiu cumprindo cos obxectivos de estabilidade, e ademais por debaixo da media nacional; e foi unha das autonomías cuxo PIB creceu máis en 2006.

fEIJOO2

Sobre as obras de rehabilitacións da Catedral de Santiago, ambos os dirixentes coinciden na necesidade de ampliar a colaboración de cara ao próximo Xacobeo 2021.

Nesta liña, o presidente da Xunta e a vicepresidenta do Goberno de España falaron tamén dos temas que afectan conxuntamente a todas as comunidades, destacando especialmente o seguimento da Conferencia de Presidentes.

Pouco máis de dous meses despois da súa celebración, Feijóo valorou os avances producidos, reflectidos nas reunións cos ministerios para falar de Educación e de violencia de xénero, na designación dunha comisionada para afrontar o reto demográfico ou na constitución do grupo de expertos para falar do financiamento das comunidades.

O responsable da Administración autonómica galega ratificou á vicepresidenta o interese de Galicia por seguir avanzando, especialmente naqueles ámbitos que teñen unha maior relevancia para a nosa Comunidade: financiamento autonómico, reto demográfico e pacto pola educación.

Así, sobre o financiamento autonómico, Feijóo destacou a necesidade de revisar o sistema pensando nos servizos que se prestan ás persoas e no seu custo, apostando por un sistema de financiamento baseado na multilateralidade, que teña en conta de xeito adecuado variables como a dispersión ou o avellentamento, e o peso da sanidade como unha peza separada. “O que é de todos temos que decidilo entre todos. Galicia non quere ser máis que ninguén, pero tampouco menos”, abundou.

Respecto ao reto demográfico, Feijóo agradeceu que “este Goberno sexa o primeiro goberno de España en aceptar que o reto demográfico é un reto que abrangue a todo o Estado”, así como o ofrecemento de que Galicia participe na elaboración da estratexia nacional que loite ao máximo contra o declive demográfico, poñendo a disposición a batería de medidas que xa se teñen posto en marcha na comunidade e propoñendo outras que se poden implantar a nivel nacional.

No eido da Educación, o presidente da Xunta trasladou o interese de Galicia por que se siga traballando na busca dun pacto educativo.

Por último, a xuntanza serviu tamén para falar doutro tema de gran actualidade como é o Brexit. E, nesta liña, o titular do Executivo galego transmitiu a preocupación polo impacto que o Brexit pode ter en Galicia, para os galegos que viven alí, así como nos distintos sectores económicos, moi especialmente no sector pesqueiro.

Feijóo concluíu a súa intervención afirmando que Galicia seguirá cumprindo e traballando co Goberno central, desde a lealdade, a coordinación e a cooperación.

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada