Expourense acolleu 11 feiras e máis de 20 eventos que atraeron a máis de 117.000 visitas e a 943 expositores de 37 países en 2016

IMG_5652

Alejandro Rubín, en un momento de su interveción.

Xantar, Termatalia México e Funergal. Expourense organizou en 2016 tres das cinco feiras internacionais celebradas en Galicia.  Ademais da internacionalización, foi un ano no que tamén foi clave a cooperación público-privada para celebrar proxectos que contribuíron a xerar novas oportunidades de negocio internacionais ás empresas galegas.

A celebración da terceira edición de Termatalia en América Latina volveu posicionar a Expourense como o único recinto feiral de España que organiza eventos propios no estranxeiro. A internacionalización foi, polo tanto, o fito que marcou a actividade de Expourense durante o pasado ano no que o recinto reforzou a súa rede de socios estratéxicos en Europa e América Latina, rede que se estendeu ademais a Oriente Próximo e Asia-Pacífico. Isto quedou patente na presenza de expositores e visitantes procedentes de 37 países de 4 continentes.

Estas son as premisas baixo as que desenvolveu a súa actividade en 2016 a Fundación de Feiras e Exposicións de Ourense, Expourense, que se consolida como unha plataforma que contribúe, a través da organización de citas únicas, a fomentar a competitividade das empresas galegas e a facilitar contactos internacionais, sobre todo en sectores estratéxicos como o termalismo, a gastronomía ou a industria funeraria. Por todo o anterior, as feiras e eventos promovidos por Expourense exerceron de axente dinamizador da actividade económica galega conseguindo ademais a involucración dos empresarios e fomentando o asociacionismo.

MEMORIA

Os resultados da actividade de Expourense no 2016 foron presentados esta mañá nun acto presidido pola directora xeral de Comercio, Sol Vázquez, que acudiu en representación do Conselleiro de Economía, Emprego e Industria e presidente do Padroado de Expourense, Francisco Conde. A directora xeral estivo acompañada por outros membros do Padroado como o o presidente da Cámara de Comercio de Ourense e do comité executivo de Expourense, Juan Carlos Parada; o vicepresidente da Deputación, Rosendo Fernández;  o presidente da CEO, José Manuel Pérez Canal;e a concelleira Flora Moure que acudiu em representación do alcalde de Ourense, Jesús Vázquez. Todos eles concidiron na mensaxe que Sol Vázquez materializou así ”Expourense é unha ferramenta que incrementa a competitividade da economía galega e facilita a presenza das nos nosas empresas nos mercados internacionais”.

Como exemplo do labor de internacionalización e dinamización empresarial que realiza Expourense, nesta presentación participaron tres empresarios que colaboran coa Fundación e que explicaron o que significa para o seu sector o expoñer no recinto. O primeiro em participar foi o presidente da Asociación de Concesionarios de Automóbiles de Ourense (ACAUTO), José Ramón Seijas, entidade que no 2016 organizou tres salóns do automóbil en Expourense. Indicou que “a organización dos salóns serviu para reactivar a venda de coches en Ourense. Expourense é un inmellorable estimulador económico”.

A segunda das testemunhas chegou de parte do presidente da Asociación de Empresarios do Polígono de san Cibrao, Elías Mera, que o ano pasadou organizou no recinto a súa feira “O Polígono nunca visto” que “esta feira foi a ventá que nos abriu e achegou á sociedade ourensá e galega, xa que moitos descoñecían todo o que fan as nosas empresas”.

A terceira intervención correu a cargo do xerente de Gala Termal e director médico do Balneario de Aguas Santas, Dr. Antonio Freire, quen deixou claro que “todo o traballo que fai a miña empresa no exterior é grazas a Termatalia. Cando alguén quere facer algo sobre termalismo no novo continente a referencia á que acudir é sempre termatalia. Grazas a esta feira estamos conseguindo que o termalismo galego sexa o que lidera o desenvolvemento termal de América Latina”.

RESUMO

O resumo de actividades organizadas pola Fundación de Feiras e Exposicións de Ourense, Expourense, durante o 2016 indica que o recinto organizou o pasado ano un total de 11 feiras, boa parte delas de marcado carácter profesional e orientadas ó fomento do negocio.

Todos os certames contaron coa presenza de 943 expositores, unha cifra lixeiramente superior á do ano anterior e que indica o grao de fidelización e confianza das empresas e institucións polos proxectos levados a cabo por Expourense. As 11 feiras os máis de 20 eventos do calendario da Fundación atraeron a 117.00 visitas.

CERTAMES PROFESIONAIS

Expourense celebrou en 2016 a 9ª edición de Funergal, Feira Internacional de Produtos e Servizos Funerarios, de carácter exclusivamente profesional. Foi a única cita internacional do sector funerario na Península en 2016 e contou coa participación de empresas de 14 países medrando nun 40% a superficie expositiva e nun 20% o número de expositores.

Tamén se organizaron catro feiras de carácter mixto: Xantar, Salón Internacional de Gastronomía e Turismo, o único destas características en España que se ten convertido nun produto turístico en si mesmo, ademais dunha plataforma para o sector primario galego a través da hostalería de calidade; Termatalia, Feira Internacional de Turismo Termal, Saúde e Benestar, posicionado como marca do termalismo mundial que celebrou o seu 10º aniversario como feira internacional;  Previsel, Salón da Prevención e Seguridade Laboral, que celebrou o seu décimo aniversario promovendo a cultura preventiva entre empresas e traballadores e Galisenior, Salón Internacionaldas Persoas Maiores, que contou co apio de todos os axentes sociais involucrados na mellora da calidade de vida e benestar deste importante segmento de poboación na sociedade galega.

APOSTA LOCAL

Ademais dos certames profesionais xa mencionados, Expourense organizou en 2016 citas orientadas ó público xeral de carácter comercial que convocaron a diferentes sectores, servindo de plataforma especialmente para o comercio local e contando co apoio de asociacións empresariais como é o caso dos centros comerciais abertos. Neste ano incluíuse un novo proxecto no calendario da Fundación coa celebración no mes de maio do I Car Outlet que contou coa colaboración de A.C.A.U.T.O.

O resto de citas foron: a 23ª edición da Mostra da Oportunidade; a 8ª do Salón do Automóbil (Novo e de Ocasión) organizada en colaboración A.C.A.U.T.O., a 17ª de Celebra, Salón de Vodas, Bautizos, Comuñóns e Actos Sociais; e a 17ª edición de Megaxove, Salón da Xuventude.

PROMOCIÓN INTERNACIONAL

No referente á actividade feiral de Expourense é preciso apuntar a promoción que dos distintos salóns, e dos sectores vencellados a eles, se realizou durante todo o ano nunha vintena de exposicións que tiveron lugar noutros puntos de Galicia, España, Europa e América Latina. Ademais, a través do stand da Axencia Galega de Turismo e da Consellería do Medio Rural, citas como Xantar, Termatalia ou Funergal estiveron presentes nas principais feiras internacionais vencelladas ó turismo (FITUR Madrid, Les Thermalies París, BTL Lisboa, ITB Berlín, HTI Conferencie Viena, World Travel Market de Londres, etc.) ou á industria funeraria (Tanexpo en Bolonia ou Expofuneraria en Batalha) e nos foros profesionais máis importantes dos correspondentes sectores, proxectando polo tanto a “marca Galicia”.

Deste xeito, Termatalia 2016 e o potencial termal de Galicia e Ourense foron presentados no Congreso da Asociación Latinoamericana de Spa en México, no 41º Congreso da Sociedade Internacional de Hidroloxía Médica celebrado en Rumanía, no Tianguis Turístico de México, en EXPOCOMER Panamá, no FIT Cataratas de Brasil ou no simposio sobre Turismo de Saúda da FEHGRA na Arxentina, entre outros.

Outras citas como Xantar contribuíron a reforzar as relacións de cooperación transfronteiriza con entidades do Norte de Portugal a través da presenza en eventos organizados pola Entidade de Turismo Porto e Norte, principal socio estratéxico de Expourense no país veciño.

Para realizar este labor á internacionalización, Expourense conta na actualidade cunha rede integrada por 29 delegacións que operan en máis de 50 países de catro continentes e a través das cales está presente nas principais feiras e congresos profesionais do mundo, principalmente dos vencellados ó sector termal.

AUTONOMOS Y MICROEMPRESAS

Durante o 2016, Expourense presentou de novo alternativas de apoio aos empresarios poñendo en marcha distintas accións para fomentar a participación en feiras de autónomos e microempresas. Máis de 40 emprendedores puidéronse beneficiar de taxas bonificadas que lles permitiron contactar con novos clientes, e deste xeito fomentar o crecemento da súa empresa, tamén a nivel internacional. En salóns como Xantar entidades como a Consellería de Medio Rural facilitou a presenza nestas citas de pequenos produtores, viticultores. e colleiteiros.

INOVACIÓN E CALIDADE

A confluencia nas feiras e eventos celebrados en Expourense dos axentes públicos e privados implicados no sector económico que corresponda (termalismo, gastronomía, industria funeraria, comercio, etc.) converten a estas citas no escenario axeitado para recoñecer publicamente a aposta pola innovación, a calidade e o emprendemento dos empresarios, traballadores e futuros profesionais.

Deste xeito, Expourense entregou no 2016 unha nova edición dos “Premios Xantar Internacional” e tamén dos “Premios Funergal Internacional” que recoñeceron a aquelas entidades e empresas que fixeron unha firme aposta por estes salóns presentando produtos novidosos ou desenvolvendo múltiples accións promocionais. Celebrouse ademais a 6ª edición dos Premios Líderes en Calidade, outorgados a cinco empresas galegas que destacaron como base da súa actividade a capacidade de adaptación ó novo contexto empresarial xurdido da coxuntura económica actual. Esta edición incluíu por primeira un premio especial transfronteirizo para a Cámara Municipal de Ponte de Lima.

Ademais, a innovación estivo presente de xeito transversal no calendario feiral con actividades como a 10ª Xornada de Divulgación das Enerxías Renovables e Eficiencia Enerxética que estivo marcada pola análise do “autoconsumo enerxético” en edificios, ou como o Concurso de Proxectos Tecnolóxicos, que celebrou a súa 16ª edición, e que ten o obxectivo de vencellar a investigación realizada na Universidade co tecido empresarial galego.

FORMACIÓN

No 2016, Expourense fixo un importante esforzo á hora de promover, organizar e acoller xornadas, cursos e seminarios de formación ou actualización profesional. Nas diversas convocatorias, ben complementando ás feiras ou de xeito individual, participaron máis de 350 relatores nacionais e internacionais. Foron seguidas por máis de 10.500 asistentes.

Ademais, Expourense é un centro homologado para impartir capacitación profesional a través dos cursos do Plan de Accións Formativas para Desempregados (AFD).

EVENTOS

As instalacións de Expourense foron o escenario elixido para a celebración de dúas feiras organizadas por axentes alleos á Fundación. Unha das novidades foi a exposición de “O Polígono nunca visto” que serviu para celebrar o 50º aniversario da Asociación de Empresarios do Polígono de San Cibrao e que tivo o obxectivo de achegar á sociedade o traballo que realizan as súas empresas. A outra cita organizada por un axente externo foi a terceira edición da Feira de Antigüidades.

O Clúster da Comunicación de Galicia, coa colaboración da Deputación Provincial de Ourense, tamén elixiu Expourense para organizar a I Gala da Comunicación, Publicidade e Marketing de Galicia os “I Premios Paraugas”, que xurdiron co obxectivo de recoñecer publicamente o saber facer das empresas e dos profesionais que traballan en toda a cadea de valor da comunicación dentro da nosa Comunidade Autónoma.

Expourense foi tamén o lugar seleccionado polo Grupo La Región para celebrar tres importantes Foros nos que participaron numerosos empresarios e axentes sociais da provincia que se achegaron a escoitar a presidente de Análises Finaceiros Internacionais, Emilio Ontiveros, a daquela ministra de Fomento en Funcións, Ana Pastor, e o CEO de Estrella Galicia, Ignacio Rivera.

A celebración de Eleccións ó Parlamento de Galicia en 2016, tamén marcou a actividade do recinto que acolleu o Congreso do Partido Popular de Galicia no que participou o presidente do Goberno, Mariano Rajoy; un xantar-mitin do PSOE coa participación de Pedro Sánchez e o peche de campaña en Galicia do PPdeG. Neste último acto participaron máis de 2.000 persoas.

Expourense forma parte do Padroado do Parque Infantil de Tráfico que organiza o Circuíto de Educación Viaria, polo que pasaron milleiros de escolares. Na área deportiva, ademais de Megaxove, a Fundación promove actividades como o Festival Internacional de Xadrez “Cidade de Ourense” que conta coa participación de 300 xogadores, e representa un dos principais patrocinadores do Rallye de Ourense que atrae a milleiros de visitantes.

Estas citas indican que outras empresas confían nas infraestruturas e soporte de Expourense para organizar os seus eventos.

LABOR SOCIAL

Expourense ten ademais como obxectivos a promoción de actividades e accións sociais e educativas, que se reflicten na colaboración con asociacións e organizacións que traballan a prol da sociedade, dende os máis diversos ámbitos. Expourense colabora activamente con entidades como o Banco de Alimentos de Ourense, FAIBEN, a Fundación Amigos de Galicia, Alcer, Asociación Diabética Auria, etc.

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada
3