Galicia recibe 145,8 millóns de euros, un 6,2% máis que en 2016, para mellorar as oportunidades laborais dos desempregados

A Xunta contará con 8,5 millóns de euros adicionais con respecto ao pasado exercicio para seguir executando a Axenda 20 coa que se está a impulsar o emprego de calidade

Conde participou hoxe en Madrid na LXIV Conferencia Sectorial de Emprego. Na imaxe saudando a Ministra de Emprego e Seguridade Social, Fátima Bañez.

Conde participou hoxe en Madrid na LXIV Conferencia Sectorial de Emprego. Na imaxe saudando a Ministra de Emprego e Seguridade Social, Fátima Bañez.

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participou hoxe en Madrid na LXIV Conferencia Sectorial de Emprego e Asuntos Laborais, onde, entre outros asuntos, abordouse a distribución dos fondos por comunidades autónomas en políticas activas de emprego para este ano. Así, Galicia recibirá 145,8 millóns de euros, un 6,2% máis que en 2016, para mellorar as oportunidades laborais dos desempregados.

Conde resaltou que este incremento dos fondos en 8,5 millóns de euros, que se sitúa por riba do conxunto de todas as comunidades autónomas, permitirá reforzar os plans de formación e orientación laboral que se están levando a cabo a través da Axenda 20 coa que a Xunta está a impulsar o traballo estable e de calidade.

“Estes fondos adicionais permitirannos abrir máis oportunidades para os desempregados en materia de formación e inserción laboral, seguir traballando para crear emprego de calidade”, apuntou. Así mesmo, o titular de Economía indicou que a Xunta seguirá priorizando aos colectivos que máis o precisan como son os menores de 30 anos, as mulleres e os parados de longa duración. Tamén destacou a importancia de continuar coas iniciativas que permiten impulsar a formación no rural.

Na conferencia sectorial púxose de manifesto que Galicia está por riba da media na consecución de obxectivos das políticas activas de emprego, mellorando ano a ano a súa execución. Ao respecto, o pasado ano Galicia foi líder en formación, con máis de 4,5 millóns de horas con cargo a estes fondos, e tamén en favorecer o traballo dos parados de longa duración de máis de 45 anos. De feito, este ano xa está activa a convocatoria de incentivos ás empresas para a contratación de parados de longa duración cun investimento de 2 millóns de euros. Destas axudas beneficiáronse o pasado ano máis de 100 empresas.

Así mesmo, a Comunidade resaltou en 2016 en ofrecer máis oportunidades de emprego (preto de 16.500 desempregados fixéronse autónomos e continuaron de alta todo o ano logo de recibir orientación de emprendemento e autoemprego) e en promover a igualdade no acceso ao traballo; ao tempo que segue sendo activa no deseño de plans de mellora da empregabilidade.

TARXETA SOCIAL

Outro dos asuntos que se abordou na conferencia sectorial foi o desenvolvemento do contido da tarxeta social, un acordo da conferencia de presidentes que permitirá coñecer todas as axudas que as diferentes administracións públicas ofrecen ao cidadán para apoiar as súas necesidades no eido social. Conde destacou que Galicia colaborará co Estado no deseño desta ferramenta que, segundo subliñou, permitirá “unha maior información, transparencia e, sobre todo, unha maior complementariedade entre as diferentes axudas que ofrecen as administracións”.

Print Friendly
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada