Quintana expón os problemas de operatividade coas motores das embarcacións de marisqueo en Madrid

A conselleira do Mar mantivo unha xuntanza hoxe en Madrid co secretario xeral de Pesca e co presidente da Comisión de Agricultura e Pesca do Senado.

A conselleira do Mar mantivo unha xuntanza hoxe en Madrid co secretario xeral de Pesca e co presidente da Comisión de Agricultura e Pesca do Senado.

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, trasladou ao Goberno central as demandas da frota de baixura en relación coa potencia dos motores das embarcacións de marisqueo e cos botiquíns, entre outros asuntos de interese pesqueiro para Galicia.

Foi no transcurso dunha xuntanza que mantivo esta mañá en Madrid co secretario xeral de Pesca, Alberto López Asenjo, co presidente da Comisión de Agricultura e Pesca do Senado, José Luis Torres Colomer e co subdirector xeral de Seguridade, Contaminación e Inspección Marítima da dirección xeral da Marina Mercante, José Luis García Lena.

En relación coa potencia dos motores das embarcacións de marisqueo, Rosa Quintana expúxolles que actualmente estanse constatando problemas na operatividade diaria das embarcacións que se dedican á captura de percebe, algas, ourizo, navalla e poliquetos pola limitación da potencia propulsora, sobre todo no relacionado coa seguridade preto da costa.

Ao fío disto, trasladou que, co obxecto de evitar esta limitación, sería recomendable habilitar unha lista específica para este tipo de embarcacións ou integralas na cuarta lista (a das embarcacións auxiliares de pesca e acuicultura), xa que se entende que a potencia non está relacionada co esforzo pesqueiro debido a que o esforzo o exerce unha persoa e non un barco.

Botiquín
Ademais, na xuntanza abordouse a obrigatoriedade levar a bordo dos buques o botiquín de tipo “C”. Nesta liña, Rosa Quintana explicou que existe un desfase entre as obrigas requiridas e as necesidades inherentes da actividade pesqueira deste segmento de frota. Así, sinalou que esta frota faena moi preto da costa e está obrigada a levar un botiquín de medicamentos que é complicado de utilizar, pola pequena dimensión das embarcacións e debido a que non teñen ponte. Ademais subliñou que hai medicamentos que obrigan a levar no botiquín que non necesitan nin utilizan.

Neste sentido, a conselleira reiterou a solicitude realizada a través dunha misiva á Ministra de Emprego e Seguridade Social, Fátima Báñez, no pasado mes de marzo, para que se considere a posibilidade de facer unha reclasificación ou de incluír unha nova categoría denominada C-LOCAL. Esta nova reclasificación simplificaría os contidos do botiquín e sería máis axeitada para este segmento da frota.

Rosa Quintana lembrou na xuntanza que, coincidindo coa revisión que está a facer a Unión Europea sobre a normativa que regula estes aspectos, as consellerías de Mar, Sanidade e de Economía, Emprego e Industria, a través do 061 e do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (Issga), constituíron a comezos de ano un grupo de traballo para reforzar e continuar coa defensa dos intereses da frota de baixura en relación ás obrigas sobre o botiquín. O obxectivo é reunir máis información para complementar as propostas de Galicia trasladadas á Unión Europea en defensa da flexibilización das obrigas esixidas a esta frota.

 

Print Friendly
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada