Cultura e Educación convoca do 27 ao 31 de agosto o ‘VII Encontro de Artistas Novos’

 A apertura do VI Encontro de Artistas Novos na Cidade da Cultura de Galicia. ARQUIVO.

A apertura do VI Encontro de Artistas Novos na Cidade da Cultura de Galicia. ARQUIVO.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria pon en marcha a sétima edición do Encontro de Artistas Novos (EAN) Cidade da Cultura, no que un total de corenta creadores emerxentes terán a oportunidade de dar a coñecer os seus traballos e debater ao redor da arte contemporánea do 27 ao 31 de agosto no Gaiás.

O EAN volve ao Gaiás da man de Rafael Doctor co obxectivo de apoiar o promover a faceta creativa e o intercambio de coñecemento, seguindo dúas das liñas estratéxicas da consellería que dirixe Román Rodríguez: a aposta pola educación e o coñecemento como eixes do progreso e o benestar.

Dirixido a mozos nados entre 1982 e 1999 (ambos inclusive), poderán optar a unha praza estudantes e licenciados en Belas Artes ou afíns e todos aqueles que demostren ter unha traxectoria ou proxecto artístico. Ademais, 10 das 40 prazas dispoñibles estarán abertas a artistas maiores de 35 anos co obxectivo de formular un diálogo entre artistas de varias xeracións. Ademais, terá lugar o xa clásico Foro Aberto no que todos os participantes terán a posibilidade de realizar unha presentación pública centrada no seu traballo e proxecto creativo persoal, servindo de plataforma e escaparate das súas creacións.

VISITAS AO CGAC, MAC E GRANELL

Durante catro días, os participantes poderán entrar en contacto con outras traxectorias e procesos de produción artística a través dunha serie de conferencias impartidas por artistas cunha importante traxectoria, como Berta Cáccamo, Xosé Artiaga e María Cañas. Xunto a eles, os participantes convivirán con observadores que apoian aos novos creadores e que queren estar ao corrente das novidades do artista emerxente e dos seus proxectos artísticos: Javier Díaz-Guardiola, David Barro e Semíramis González.

Co obxectivo de que este intercambio artístico se produza en todas as súas vertentes, esta nova edición do Encontro de Artistas Novos celebrará tres visitas a centros de arte contemporánea de Galicia, polo que os participantes coñecerán de primeira man o CGAC, o MAC da Coruña e a Fundación Eugenio Granell.

O EAN

O Encontro de Artistas Novos Cidade da Cultura naceu en setembro de 2011 baixo a dirección de Rafael Doctor no marco da primeira programación cultural do Gaiás. Tras seis edicións, o EAN é hoxe un formato consolidado no que ao redor de 450 creadores presentaron as súas propostas artísticas. Ademais, recoñecidos creadores como Jorge Perianes, Lois Patiño ou Nuria Güell foron participantes no seu día dalgunha das edicións do EAN cando aínda comezaban a abrirse paso no mundo da arte.

A cita consolídase así como un evento de intercambio de coñecementos artísticos moi consolidado, tras exportarse a outros países como Uruguai en 2015 e Arxentina en 2016, ano no que tamén tivo lugar no Centro Villalar de Castela e León.

NOVA INTERVENCIÓN NAS HEJDUK

A Cidade da Cultura abre a posibilidade de que un ou varios dos participantes sexan elixidos para realizar unha intervención artística nas Torres Hejduk do complexo. Con esta iniciativa, o complexo do Gaiás busca apostar polo talento emerxente, cedéndolle un espazo expositivo non convencional para que poidan darlle renda solta á súa creatividade.

De feito, o VII EAN finalizará coa inauguración do proxecto gañador da anterior edición: A través de un horizonte sin cuerpo, de Freddy Solano. O artista, de orixe salvadoreña pero residente actualmente en Vigo, plasmará no Gaiás o seu concepto da arte como ocupación e intervención do espazo público. Baseándose no concepto de transparencia, Solano realizará un mural que busca ser unha intervención atmosférica integrada na contorna e mimetizada coa paisaxe do Gaiás.

SOLICITUDES

Todos os interesados en participar no EAN deberán presentar unha solicitude antes das 15:00 horas do 7 de xullo xunto á documentación requirida: boletín de subscrición, fotocopia do DNI ou pasaporte, Currículum Vitae abreviado (máximo unha folla) e dossier de presentación do traballo artístico en formato papel (máximo 15 follas) ao enderezo electrónico encontro@cidadedacultura.org.

O nome dos seleccionados darase a coñecer o venres 21 de xullo. As bases completas do VII Encontro de Artistas Novos poden consultarse en cidadedacultura.gal, así como baixar o boletín de subscrición.

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada