Ata 79 proxectos do sector vinícola optan este ano ás axudas para transformación cun investimento de 21,7 millóns de euros

A titular de Medio Rural participou esta mañá no foro Galicia en Vinos.

A titular de Medio Rural participou esta mañá no foro Galicia en Vinos.

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, participou esta mañá no foro Galicia en Vinos, organizado polo diario Faro de Vigo, onde destacou que ata 79 proxectos do sector vinícola e das augardentes optan este ano ás axudas para transformación cun investimento de 21,7 millóns de euros. Unhas cifras, indicou, que demostran que este eido agroalimentario segue a ser un sector estratéxico para a economía galega, incidindo en que se trata da actividade máis exportadora.

A conselleira salientou que o mundo dos viños galegos está en constante transformación e modernización, comezando pola recuperación das variedades autóctonas -como as uvas albariño, caíños, treixadura ou godello- como elemento diferenciador fundamental dos nosos viños e a mellora nas condicións de elaboración, grazas á introdución da máis moderna tecnoloxía nas adegas e a súa profesionalización. Dous piares, engadiu a titular de Medio Rural, que permite que hoxe en día Galicia conte con viños de calidade que compiten cos mellores do mundo.

Neste senso, indicou que o mundo da venda de viño é cada vez máis competitivo e require ampliar os mercados para manter un nivel de crecemento económico axeitado. Para elo, o departamento que dirixe Ángeles Vázquez destinou nos últimos tres anos máis de 5 millóns de euros para a internacionalización dos viños galegos e 3,6 millóns máis para a campaña 2016/2017 para a súa promoción en terceiros países, é dicir, fóra da Unión Europea. Un apoio, matizou, que o Goberno galego ten moi presente porque sabe que este sector ten moito potencial que ensinar e dar a coñecer dentro e fóra das nosas fronteiras.

A conselleira tamén indicou que é preciso buscar novos retos e crear as infraestruturas de venda máis axeitadas aos escenarios globais, por iso nos últimos dez anos o seu departamento destinou preto de 14 millóns de euros aos consellos reguladores para accións de promoción e funcionamento, así como para a promoción dos caldos galegos polo mundo adiante.

Precisamente os resultados desas exportacións son moi bos, asegurou Ángeles Vázquez, xa que só a produción comercializada no mercado exterior medrou na última campaña 2015/2016 un 69% respecto á 2010/2011, cun valor económico estimado de 38,4 millóns de euros. Falamos dun crecemento constante, pois se na campaña 2011/2012 se exportaba o 15% da produción, na última campaña falamos xa dun 19,4% do total producido, matizou.

PROGRAMA

Ángeles Vázquez reiterou a importancia que ten o sector do viño para o desenvolvemento rural de Galicia e, por iso, é preciso impulsar un tecido socioeconómico capaz de crear comunidades rurais vivas e viables. Nesa liña é na que está a traballar a consellería, que vén de elaborar un Plan de fixación da poboación cunha dotación orzamentaria de preto de 231 millóns de euros, co obxectivo de equiparar o nivel de vida das zonas rurais coa das urbes, tanto económica, social como infraestruturalmente.

O plan xira arredor de seis grandes eixos, que pasan pola cohesión territorial, a innovación e a formación, a agricultura sustentable, a mellora da competitividade, a remuda xeracional e a cooperación.

Con este conxunto de iniciativas, destacou a conselleira, está previsto crear uns 3.000 empregos directos no agro galego e actuarase poñendo en valor case 330.000 hectáreas desde o punto de vista agrogandeiro e forestal, no período 2017-2020. Estes indicadores forman parte do plan, no que se especifican as previsións derivadas de cada unha das medidas. Así, por exemplo, contémplase a finalización de 130 procesos de reestruturación parcelaria abertos nestes intres, a realización duns 1.500 proxectos financiados ao abeiro do programa Leader, o desenvolvemento de 3.300 cursos ou actuacións formativas ou a incorporación de 2.200 mozos á actividade agraria, entre outros moitos baremos.

As medidas, detalladas pola titular de Medio Rural, van dende a mellora de camiños rurais (está previsto actuar en 650 quilómetros só en dous anos) ata o fomento da renovación xeracional (a través da instalación de mozos e a mellora de explotacións), pasando polo impulso á cooperación mediante o uso de maquinaria e equipamentos en común. Tamén se contempla dar un pulo especial á aplicación e transferencia de I+D+i no agro, coa creación de máis de 100 grupos innovadores e outros tantos proxectos piloto e promover unha agricultura sustentable, con fondos para desenvolver medidas de agroambiente e clima, prácticas ecolóxicas ou o mantemento de actividades agrarias en zonas con limitacións naturais.

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada