Ánxel Vence, xornalista, premio José Luis Alvite da APG: “O columnismo é o repouso do guerreiro”

IMG_7446

Vence recibe de mans do presidente da APG, Arturo Maneiro, e de Pape Castro, vicepresidente, o premio de columnismo José Luis Alvite.

O xornalista e columnista Ánxel Vence exhibe a súa retranca aínda recibindo un premio como o José Luis Alvite da Asociación de Periodistas de Galicia, APG, na noitiña de onte, en Vigo.  Asegura Vence que cando outros se emocionan, el, pola contra, súa. Pero que encántalle recibir este premio polo seu labor de columnista. “Esto quere dicir que un non o fai tan mal” e, ademais, que “non te levas mal cos colegas”.

Home que exerceu o xornalismo en todos os seus xéneros no xornal Faro de Vigo así como tarefas de dirección, confesa que para el o columnismo “é o repouso do guerreiro”. Xa que para exercer as outras facetas do traballo precisas de “certas condicións físicas”. Pola contra, o columnismo –non todos os columnistas foron anteriormente xornalistas, como precisou a convidada Lucía Méndez, brillante ‘teloneira’ do premio-, é un xénero “máis cómodo”, asegura Vence. E completa, con ironía, para “os máis nugalláns que a media”.

No acto, a xornalista María Méndez atribuílle unha “fina ironía” que Vence prefire deixala en “ironía”. “É a figura retórica que máis utilizo, pensando nun público galego que sei que a vai captar. Aínda que a ironía é arma de dobre fío porque precisa da complicidade do receptor. Ademais esixe intelixencia e esforzo. O lector ha de pensar: está dicindo isto, pero o que dicir é o contrario. En Galicia, isto funciona ben, porque todo o mundo leva un retranqueiro dentro”.

Ánxel Vence non crea personaxes nas súa columnas. Pero houbo un que lle deu moito xogo, Fraga. Bautizouno, polas súas “formas monárquicas de goberno”, como Don Manuel I –que explica Vence que tamén os portugueses tiveron un rei chamado así-.  E xustifica o alcume: “Era un home brillante e un político controvertido… Pero Fraga opinaba sobre todo, aínda sobre as cousas máis dispares. Todo iso daba moito xogo…”.  Non obstante, as veces que se atopou cara a cara con el, lembra Vence, nunca o recriminou por isto, “estaba encantado” e ríase.

O flamante premio José Luis Alvite, con quen compartiu durante dous ou tres anos os domingos páxina no xornal, sabe que ten dous tipos de lectores-seguidores das súas columnas. Os que escriben para se queixar e puntualizan algunha cousa e aqueloutros “da parroquia, admiradores” que “escriben que lle gustou” o cal non deixa de sorprender a Vence como a calquera de nós, porque normalmente a xente só se dirixe a un xornalista cando está amolada por algo.

Ao mundo empresarial, Vence explícalle que “estamos nun momento de incerteza” que afecta a todo o mundo. Admite que ser empresario non é doado cando estamos nunha “cuarta revolución tecnolóxica”. E non esquece os empregados a quen lles fai un aceno porque, as veces, é máis difícil ser empregado, xa que un pode perder o seu posto de traballo ao entrar unha máquina no seu lugar.

Ánxel Vence é un home tranquilo, bo profesional e este premio non se lle vai subir á cabeza.

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada

Etiquetas: