Galicia perde 1.289 autónomos neste mes de xaneiro con datos negativos en todas as provincias

O portavoz de AUGA, Autónomos de Galicia, Lisardo Domínguez, anunciou que segundo os datos de número de autónomos publicados esta mesma mañá polo Ministerio de Emprego e Seguridade Social a último día do mes de xaneiro “Galicia perdeu no primeiro mes do 2015 un total de 1.289 traballadores por conta propia, pasou de ter 217.576 a finais de decembro a contar agora con 216.287”.

 
Desta maneira, dende AUGA aseguran que este xaneiro segue a tendencia á que nos ten acostumados este mes nos últimos anos e por riba empeora as cifras do pasado 2014, “é un mes no que dende que comezamos a crise comprobamos unha caída na afiliación de autónomos. E este ano, a caída é aínda peor que en xaneiro de 2014, cando perdíamos 1.222 autónomos”.

 
Domínguez sinalou que o total da nosa comunidade perde autónomos e esta perda prodúcese tamén nas catro provincias galegas. Todas e cada unha delas contan con datos negativos “a que rexistra unha baixada maior no número de autónomos é Pontevedra, perde 497 traballadores por conta propia, pasando de 67.051 en decembro a 66.554 neste xaneiro. A provincia de A Coruña restou uns 461 autónomos e conta agora con 87.382, Ourense perde 168 ata alcanzar a cifra de 25.884 e a menos afectada neste primeiro mes do ano foi Lugo, que perdeu 163 e queda cun total de 36.467 autónomos”.
A pesares de todo, rematou cun aspecto positivo xa que “en cifras xerais, se comparamos as cifras de xaneiro do pasado ano con estas últimas publicadas vemos que pasamos de contar con 213.224 autónomos en xaneiro de 2014 a contar neste 2015 con 216.287, o que supón un incremento de 3.063 traballadores por conta propia”.
Neste senso, AUGA subliñou que “con estas cifras é primordial que as administracións públicas entendan a necesidade do seu apoio e compromiso co autoemprego e o traballo autónomo centrándose, sobre todo, en solucionar os grandes problemas cos que nos seguimos atopando día a día, enormes cargas económicas e administrativas, escaso acceso a financiación e en definitiva, nula reactivación da economía”.

 

Print Friendly
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada