O Concello de Salvaterra recupera a memoria da orixe da vila milenaria cun evento no Castelo da Raíña Dona Urraca o 24 de maio, festivo local, no aniversario da cesión de ‘Lacedorium’

Os tenentes de alcalde de Salvaterra, Marta Valcárcel e José Andrés Acuña,na presentación do programa Salvaterra Milenaria.

Os tenentes de alcalde de Salvaterra, Marta Valcárcel e José Andrés Acuña,na presentación do programa Salvaterra Milenaria.

‘Salvaterra de Miño Milenaria. Orixe da Vila’ é un conxunto de actos, organizados polo Concello de Salvaterra, con motivo da  conmemoración do aniversario da cesión de ‘Lacedorium’, nome antigo de Salvaterra, polo rei Vermudo II á igrexa compostelá un 24 de maio de 991. Con ese motivo, o próximo día mércores 24 foi declarado polo Pleno da Corporación festivo local.

O evento céntrase na participación dos nenos e nenas do municipio, a través do I Certame Artístico ‘Salvaterra Milenaria’ para que trasladen a súa visión, a través das diferentes categorías, do que sería a Vila nese intre da Historia.

Segundo a Tenente de Alcalde, Marta Valcárcel Gómez, “o obxectivo deste certame é que os alumnos dos Centros de Ensino do Concello nos ofrezan a súa visión do pasado da nosa Vila, ao tempo que se fomenta á súa imaxinación e creatividade, así como á participación nas actividades culturais do Concello”. Para isto, estableceranse diferentes categorías, atendendo tanto a disciplina utilizada como a idade dos participantes. O xurado estará composto polo cadro de persoal docente dos centros escolares e do propio Concello.

Así, os nenos e nenas de Infantil participarán dentro da categoría de debuxo, os de primaria e secundaria en traballos manuais e bacharelato, en relato curto. Todas as categorías estarán premiadas con 3 premios, de 100, 75 e 50 €, para gastar en material escolar, informático, deporte ou vestimenta para os gañadores e gañadoras.

Todos os traballos van ser expostos no web do Concello e no Castelo de Dona Urraca o día 24 de maio, día no que se fará tamén entrega dos premios, dentro dos actos conmemorativos que ofrecerá o recinto amurallado aos seus visitantes durante a festividade local.

HISTORIA

É no ano 991 cando atopamos o primeiro documento escrito que fai referencia a Salvaterra de Miño, o que a converte nunha auténtica Vila Milenaria. Neste texto o monarca Vermudo II asinaba, un 24 de maio do ano 991, un documento no que lle cedía á igrexa compostelá e ao seu bispo D. Pedro Martínez de Mosoncio, a vila de ‘Lacedorium’ (que foi o nome orixinario dda vila). Esta vinculación entre Salvaterra e a igrexa compostelá manteríase durante un longo período, ata ben entrado o século dezanove, durante o cal os veciños e veciñas pagaron o diezmo á sede santiaguesa.

Tras este episodio, son moitos os documentos nos que se fai referencia ao nome da vila, que progresivamente iría modificándose de Lacedorium a Lazoiro. A última mención ao topónimo de Lazoiro aparece no documento de anulación dos foros da cidade de Tui, realizado polo rei Fernando II en 1170. Sería en tempos de Alfonso IX, que ascendeu ao trono en 1188, cando a vila recibiría o seu topónimo actual, Salvaterra de Miño. Algunhas teorías apuntan a que este topónimo pode derivar do característico recinto amurallado, cuxa finalidade non era outra que “salvar” o pobo das invasións portuguesas, o que daría lugar ao nome de Salvaterra.

Print Friendly
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada
21