Salvaterra recupera a súa memoria milenaria

Os salvaterrenses asistiron, no seu 1026 aniversario, á representación da sinatura da cesión da vila, nese momento chamada de Lacedorium, á Igrexa Compostelá

IMG_8650

A tenente de alcalde de Salvaterra de Miño e concelleira de Culutra e Educación, Marta Valcárcel, introduxo o acto no que había un numeroso grupo de escolares no Castelo da Raíña Dona Urraca.

Salvaterra de Miño viviu a recreación da súa historia cun afán de coñecela por parte dos salvaterrenses. Un grupo de actores fixeron unha representación na que  o monarca Vermudo II asinaba, un 24 de maio do ano 991, un documento no que lle cedía á igrexa compostelá e ao seu bispo D. Pedro Martínez de Mosoncio a vila de ‘Lacedorium’ (que foi o seu nome orixinario). TTranscorreron 1.026 anos dende aquel feito. O evento desenvolveuse nas Covas da Raíña dona Urraca organizado pola concellería de Cultura e Educación de Salvaterra de Miño.

Esta vinculación entre Salvaterra e a igrexa compostelá manteríase durante un longo período, ata ben entrado o século dezanove, durante o cal os veciños e veciñas pagaron o diezmo á sede santiaguesa.

O acto foi introducido pola tenente de alcalde Marta Valcárcel que quedou moi satisfeita da atención dos nenos e, por suposto, dos adultos.

Un grupo de escolares seguiron atentamente a sinatura do documento representada por dous actores así como as explicacións históricas anteriores a cargo doutro, no que insistiu en que Salvaterra é unha vila milenaria.

A continuación os cativos e mozos premiados polos seus traballos escolares foron chamados a recoller os galardóns que lles entregou Valcárcel. Os traballos quedaron expostos nas Covas de Dona Urraca e permanecerán durante algo máis dunha semana podendo ser visitados.

Os membros da Coral Lacedorium, baixo a dirección de Sandra Souto Carracedo, cantaron despois tres pezas trala entrega de premios.

No exterior, na praza do Castelo, había xogos malabares medievais para que os nenos e nenas desfrutasen deste día de festa. Ademais xa estaba preparado para actuar Kote Malabar  coa súa animación de rúa. Kote abraiou co dominio das mazas, o diávolo, cun número con coitelos e unha mazá e rematou cun espectacular xogo con fachos con fogo real.

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada