A Cidade da Cultura inaugura este venres ‘Flor Novoneyra’, o testamento pictórico de Lamazares

Lamazares constrúe unha antoloxía plástica cos versos de Novoneyra a través dun centenar de cadros nos que emprega o seu Alfabeto Delfín

lAMAZARES

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, visitou hoxe os traballos de montaxe desta exposición que une pintura e poesía.

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria visitou esta mañá os traballos de montaxe de Flor Novoneyra, a nova exposición do Museo Centro Gaiás que abrirá as súas portas o 2 de xuño. Román Rodríguez conversou durante a súa visita con Antón Lamazares, o protagonista desta mostra que supón un encontro entre dous grandes da cultura galega: Lamazares e Uxío Novoneyra e que o propio artista do Deza define como o seu “testamento pictórico”.

Flor Novoneyra está formada por máis dun cento de obras nas que Lamazares transcribe versos do poeta do Courel empregando o seu coñecido Alfabeto Delfín, un código inspirado no abecedario occidental que o pintor bautizou co nome do seu pai. A exposición supón, así, un diálogo entre pintura e poesía, o encontro entre o pintor que quería ser poeta, como Lamazares se ten descrito ao longo da súa carreira, co poeta namorado da pintura.

Flor Novoneyra, ademais dos cadros de Lamazares, exhibirá cincuenta caligramas do poeta, considerado un dos introdutores da poesía caligráfica na literatura galega. A través dun espazo sonoro, o visitante reencontrarase tamén nesta exposición coa voz de Novoneyra, considerado un gran dicidor de versos. A mostra complétase con retratos do autor do Courel realizados por Laxeiro, Tino Grandío, Tavera ou Lorente e cunha escolla de exemplares das súas obra.

ATA O 17 DE SEPTEMBRO

Producida pola Xunta a través da Fundación Cidade da Cultura, a exposición está comisariada por María Díaz Rey, directora da galería About Art en Pontevedra, e conta coa colaboración da Fundación Uxío Novoneyra a través da implicación da viúva e un dos fillos do poeta, Elba Rei e Uxío Novoneyra. O proxecto representa a proposta da Cidade da Cultura para a programación expositiva do verán e poderá visitarse desde o 2 de xuño ata o 17 de setembro con entrada de balde. Flor Novoneyra conta co patrocinio do Fondo Gaiás da Empresa Galega.

Case cinco décadas despois de que a súa aparición revolucionase a plástica en Galicia, Lamazares segue a ser hoxe un dos pintores galegos con maior proxección internacional. A súa obra, recoñecida dentro e fóra da comunidade, tense exposto nos museos máis prestixiosos de España e en galerías internacionais de referencia. Influenciado polas vangardas, pintor-nómada que viviu en Nova York, París, Madrid e Berlín, a contorna rural que marcou a súa infancia no val do Deza deixou unha fonda pegada no seu imaxinario. O seu interese pola poesía e a súa relación de amizade con poetas son dúas constantes do seu universo creativo.

Uxío Novoneyra (1930, Parada de Moreda, Serra do Courel – 1999, Santiago de Compostela) representa unha das figuras de referencia das letras galegas. Á idade de 25 anos publicou Os Eidos (1955), un poemario considerado coma un dos cumios da literatura galega. Esta obra, ao igual que Libro do Courel, Muller pra lonxe ou Do Courel a Compostela, fan de Novoneyra unha das voces imprescindibles da literatura galega e un dos grandes intérpretes da terra e a súa poesía.

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada