Sesenta proxectos editoriais benefícianse das axudas de Cultura para a tradución

LibrosUn total de 60 proxectos editoriais benefícianse das axudas á tradución promovidas pola Secretaría Xeral de Cultura para apoiar o sector do libro, segundo a resolución publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia.

Dos 60 proxectos a subvencionar, 15 correspóndense con obras en galego para a súa tradución ao inglés, ao catalán, ao castelán, ao portugués e ao brasileiro, e as 45 restantes reciben apoio para a súa tradución desde outras linguas para o galego.

Entre os títulos publicados orixinariamente en galego que verán a luz noutros idiomas atópanse Minimalario, de Pinto & Chinto, ao catalán; Muros de aire, de An Alfaya, ao castelán; O último día de Terranova, de Manuel Rivas, ao portugués; A soidade das medusas, de Iria Collazo, ao brasileiro; e mais Nordeste, de Daniel Asorey, tamén ao brasileiro. Completan esta relación os seguintes títulos galegos para a tradución ao inglés: Tártarus, de Manuel Antonio Fraga; Europa Express, de Andrea Maceiras; Ámote, Leo A. Terminal de… chegadas?, de Rosa Aneiros; Lume de cobiza, de Miguel Anxo Fernández; O único que queda é o amor, de Agustín Fernández Paz; Cando petan na porta pola noite, de Xabier P. Docampo; e mais as obras de Uxío Novoneyra Os Eidos, A voz herdada, Tempo de elexía e Antonoloxía poética.

Muros de aire, A señora Dalloway, Saltón verde, O curioso mundo de Calpurnia Tate, Biodiversidade: Cara a unha sexta extinción masiva, Ler o mundo, O ano da lebre, O neno do vestido, A avoa gángster, Oryx e Crake, Carta a un profesor mozo, Pyongyang, O curioso mundo de Calpurnia Tate e Corredoira-Holloway son algunhas das 45 obras escritas orixinariamente en diferentes linguas e que estarán accesibles para o público en galego.

Dezaseis entidades beneficiarias

O proxectos beneficiarios foron presentados por un total de 16 entidades editoriais: Edicións Xerais, Rinoceronte, Kalandraka, Kalandraka Catalunya e Kalandraka Portugal, Sacaúntos S.C.G., Novovinilo Ed., Irmás Cartoné, Edicións Laiovento, Hércules de Ediciones, Alejandro Tobar Salazar (H. e M.), Catro Ventos, Fundación Uxío Novoneyra, Editorial Galaxia e Small Stations Press. As axudas que recibirán por cada obra van desde os 6.000 aos 80 euros.

Para a valoración dos proxectos, a comisión avaliadora tivo en conta diferentes criterios, como o número de edicións da publicación a traducir, a actualidade da obra, a vixencia dos dereitos de propiedade intelectual, o currículo da persoa responsable da tradución, o interese do proxecto para a cultura galega e o plan de distribución da obra, xunto coa súa viabilidade.

Intercambio cultural

Con esta liña de subvencións, convocada por un importe de 200.000 euros para os anos 2017-2018, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria apoia o sector editorial galego, ao tempo que favorece a difusión da produción intelectual e creativa de Galicia noutras culturas, así como o intercambio cultural, a través do acceso da cidadanía galega aos textos producidos noutras linguas.

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada