Medio Ambiente licita os traballos de elaboración do censo de aves invernates en Galicia e de valoración do estado de conservación das aves acuáticas invernantes en Rede Natura 2000

P9107857A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio licita hoxe no Diario Oficial de Galicia os traballos para a valoración do estado de conservación das aves acuáticas invernantes na Rede Natura 2000 e para a realización do censo de aves acuáticas invernantes en Galicia correspondentes aos anos 2018-2019.

Estes traballos realizaranse nun mínimo de 68 localidades, tanto costeiras como do interior e levaranse a cabo durante un período de 18 meses, entre o período 2017-2019. O importe de licitación deste contrato ascende a case 60.000 euros e está cofinanciado nun 75% polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) para Galicia 2014-2010.

As aves acuáticas constitúen un amplo e diverso grupo ecoloxicamente dependente da auga nalgunha etapa do seu ciclo vital. Na súa maioría son especies migratorias que realizan grandes desprazamentos desde as súas áreas de cría ata os seus cuarteis de inverno, utilizando como áreas de descanso unha serie de humidais situados nas rutas migratorias.

A gran maioría das especies acuáticas invernantes en Galicia atópanse incluídas na Lista de especies silvestres en réxime de protección especial, polo que de acordo co artigo 9 do Real decreto 139/2011, do 4 de febreiro, para o desenvolvemento da Lista de especies silvestres en réxime de protección especial e do Catálogo español de especies ameazadas, serán obxecto dun seguimento específico por parte das comunidades autónomas nos seus ámbitos territoriais co fin de realizar unha avaliación periódica do seu estado de conservación. Este seguimento realizarase de forma coordinada para aquelas especies que comparten os mesmos problemas de conservación, determinadas afinidades ambientais, hábitat ou ámbitos xeográficos.

A adecuada e necesaria xestión da rede de Zonas de especial protección para as aves (ZEPA) e outros humedais de interese incluídos na Rede Natura 2000 de Galicia no que se refire ás aves acuáticas invernantes, importante valor da rede, inclúe a necesidade de definir o estado de conservación favorable e actual das especies así como o de establecer obxectivos de conservación con valores favorables de referencia, integrando os valores poboacionais coa situación dos hábitats que utilizan. É primordial que esta información, actualizada, se cumprimente adecuadamente no Formulario Normalizado de Datos Natura 2000 para que o control e seguimento global da rede se realice de forma adecuada. O estado de conservación das especies, favorable ou non, debe contar cun sistema de seguimento operativo que reflicta as posibles variacións que se produzan.

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, a través da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, considera necesario establecer obxectivos de conservación e definir o estado de conservación favorable e actual das especies de aves acuáticas invernantes nos humidais de especial interese incluídos na Rede Natura 2000 de Galicia e realizar un censo de aves acuáticas invernantes en Galicia, dirixido á estimación da abundancia das poboacións invernantes de aves acuáticas en Galicia e a súa distribución nos principais humidais galegos co fin de dispoñer de información actualizada do estado de conservación destas especies e dos seus hábitats.

 

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada