A Xunta achega de 100 millóns para activar o ‘Emprega en feminino’, que fomentará a igualdade na empresa, o emprendemento da muller e a súa incorporación ao mercado laboral

Contempla a creación de entre 80.000 e 100.000 postos de traballo de aquí ao final da década

FaurenciaO presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe a posta en marcha do programa Emprega en feminino, que activará 100 millóns de euros para fomentar a igualdade na empresa, o emprendemento da muller, o seu desenvolvemento profesional e a súa incorporación ao mercado laboral. Estas novas actuacións buscan reducir en 46.000 o número de mulleres en paro, na liña da Axenda 20 para o emprego, que contempla a creación de entre 80.000 e 100.000 postos de traballo de aquí ao final da década.

Máis polo miúdo, Feijóo precisou que, co obxectivo de impulsar o acceso ao mundo laboral, ao que vai destinada a metade dos fondos do plan, potenciarase a certificación de profesionalidade para mulleres que se reincorporen ao mercado de traballo e incentivarase, cun 25% máis de axuda nos programas, as empresas que contraten nais paradas de longa duración para a súa reincorporación ao mercado de traballo .

Por outra banda, destinaranse 20 millóns de euros ao desenvolvemento profesional deste colectivo, a través de diferentes accións, entre as que destacan os obradoiros para desenvolver competencias, a formación para o emprego vinculado á Industria 4.0 e aos sectores estratéxicos e o novo programa Excelsia, orientado á formación de mulleres para postos intermedios.

Para fomentar a igualdade na empresa, o programa destinará máis de 5 millóns de euros encamiñados a combater a fenda salarial, desenvolver campañas de sensibilización e favorecer a contratación pública socialmente responsable das mulleres galegas.

Do mesmo xeito, o presidente do Goberno galego explicou que outras das grandes prioridades do programa é o emprendemento e o autoemprego deste colectivo. Nese sentido, destinaranse 25 millóns de euros para fomentar a titularidade feminina en entidades de economía social e en actividades onde as mulleres aínda están subrepresentadas e reforzar o apoio ás iniciativas femininas de promoción do emprego autónomo e da economía social.

Alberto Núñez Feijóo lembrou que Emprega en feminino complementa as demais iniciativas co mesmo fin que se puxeron en marcha desde as diferentes áreas da Xunta, como Medio Rural, Mar ou Igualdade. “Falamos, en definitiva, dun programa ambicioso, que busca completar a imprescindible incorporación da muller ao mercado laboral”, aseverou.

Para concluír, o presidente do Goberno galego explicou algúns dos obxectivos cuantificables que o novo programa contribuirá a conseguir, entre os que destacan os seguintes: aumentar a taxa de emprego feminino en dous puntos, chegar ao 75% de mulleres asalariadas con contrato indefinido, conseguir que o 15% dos contratos na Industria 4.0 sexan para mulleres e que o 21% das mulleres afiliadas á Seguridade Social sexan autónomas e acadar os cinco puntos na actividade emprendedora feminina.

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada