Máis de 15.000 persoas beneficiáronse en Galicia das actuacións cofinanciadas polo Fondo Social Europeo en 2016

FSEMáis de 15.000 persoas beneficiáronse en Galicia das actuacións cofinanciadas polo Fondo Social Europeo (FSE) en 2016. Estas actuacións, cun importe que supera os 146 millóns de euros, teñen como obxectivo apoiar o emprego e a formación das persoas, e loitar contra a pobreza e a discriminación.

Entre as actuacións desenvolvidas, no eixe 1 –centrado na mellora da calidade do emprego- realizáronse 64 actividades formativas dirixidas a persoas desempregadas en materia de seguridade, protección civil ou loita contra incendios, nas que participaron máis de 1.900 persoas. Ademais, outras 438 beneficiáronse de axudas para implantar a igualdade e a conciliación da vida laboral en 60 pemes.

O eixe 2, para a promoción da inclusión social e a loita contra a pobreza e calquera forma de discriminación, beneficiou a 2.500 persoas –o 60% mulleres– cos cursos sobre competencias clave como a comunicación e a formación profesional básica. Ademais, mediante o FSE atendeuse a unhas 300 persoas a través de medidas contra a explotación sexual e o tráfico de persoas, e case 500 persoas con discapacidade accederon a axudas para mellorar a súa autonomía e calidade de vida.

No referido ao investimento en educación do eixe 3, as accións dirixíronse a reducir o abandono escolar, nas que participaron 2.800 alumnos e alumnas; a mellorar a formación de 2.300 persoas con actividades de recoñecemento de competencias profesionais; e a aumentar o alumnado de formación profesional en case 4.400 persoas.

Estas cifras foron presentadas no comité de seguimento do programa operativo do Fondo Social Europeo 2014-2020 correspondente a 2016, celebrado esta semana en Santiago. Na reunión participaron representantes da unidade do FSE do Ministerio de Emprego e Seguridade Social, como autoridade de xestión do programa, e da Comisión Europea.

Por parte do Executivo galego, encabezou este foro o director xeral de Política Financeira, Tesouro e Fondos Europeos, David Cabañó, responsable do organismo intermedio. Asistiron tamén representantes das organizacións económicas e sociais con máis representatividade en Galicia, así como os órganos xestores da Xunta de Galicia.

Ademais, Santiago acollerá nas vindeiras semanas a celebración do Comité de Seguimento do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) 2014-2020 que contará tamén coa presenza de representantes da Administración autonómica, do Ministerio de Facenda e Función Pública e da Comisión Europea.

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada