A Amtega renova o portal Mancomun para impulsar a difusión das iniciativas do ecosistema do software libre galego

Portal Mancomun.

Portal Mancomun.

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) acaba de renovar o portal mancomun.gal cunha imaxe máis moderna e novas seccións para impulsar este espazo e consolidalo como o portal de referencia en materia de software libre en Galicia.

Mancomun recolle as novas e actualidade do ecosistema do software libre galego, así como toda a información sobre as distintas actuacións do Plan de Software libre impulsado pola Amtega. A nova versión de mancomun.gal mellora a visibilidade e accesibilidade aos distintos contidos cun deseño “responsive” adaptado para o seu uso desde dispositivos móbiles, xa sexan teléfonos ou tabletas.

Unha portada máis visual e con máis contidos
Entre as principais novidades destaca un deseño moito máis visual cunha portada que, ademais das novas que se viñan publicando no anterior portal, inclúe un banner superior coas máis destacadas e un espazo de informacións breves.

A continuación haberá accesos directos ao último dos informes de uso do software libre e ao último plan de acción así como ao último boletín de software libre para a administración pública, que se viña publicando mensualmente, e un novo boletín de software libre para as empresas. Amósanse tamén de seguido os últimos artigos tecnolóxicos con entrevistas a empresas e casos de éxito e finalmente inclúese tamén unha sección con contido audiovisual, ata o de agora inexistente no portal mancomún.

Novas seccións
A nova web mellora a experiencia de usuario simplificado a estruturación das seccións, como o apartado de solucións TIC, comunidade ou repositorio documental que gañan en presenza e contido.

O espazo “Solucións TIC” inclúe as solucións tecnolóxicas de software libre categorizadas dirixidas tanto a empresas, administración como a cidadanía en xeral, entre as que se inclúen as solucións liberadas pola Xunta de Galicia no Repositorio de software libre ou Forxa de Mancomún.

Así mesmo, o espazo “Repositorio Documental” tamén presenta de forma categorizada os principais documentos liberados no Repositorio Documental de Software Libre no wiki de mancomún para facilitar a súa localización e descarga.

Por último, a sección “Comunidade” é un directorio que recolle os membros da comunidade de asociacións, grupos informais ou entidades promotoras e difusoras do software, hardware e cultura libres, que existen en Galicia. Algunhas teñen un amplo percorrido e traxectoria temporal e outras son de máis recente creación, mais todas elas desenvolven un importante rol a prol da cultura libre e en aras de reducir a fenda dixital e de achegar as vantaxes do Software Libre a distintos sectores da sociedade galega.

Plan de Software Libre 2017
A publicación do novo portal é una unha das actuacións recollidas no Plan de Acción en Software Libre 2017 presentado o pasado 20 de maio, que conta cun total de 110 actuacións a desenvolver durante o presente ano, co obxectivo de promover a reutilización de software na administración pública, o impulso dunha oferta de solucións libres e de calidade para as nosas empresas, e incrementar o uso e coñecemento do software libre por parte da sociedade.

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada