Os centros de interpretación do Camiño de Santiago recibiron preto de 14.000 visitantes nos cinco primeiros meses do ano

Peregrino botasOs centros de interpretación do Camiño de Santiago recibiron nos primeiros cinco meses do ano preto de 14.000 visitantes. As oficinas situadas nas distintas rutas xacobeas ao seu paso polos concellos de Lugo, Mondoñedo, O Cebreiro e Santiago de Compostela atenderon, en concreto, a 13.857 persoas, das que o 66% (7.771) foron nacionais e o restante 44% estranxeiros (6.086).

O punto de información do Cebreiro, na entrada do Camiño Francés en Galicia, recibiu nese período 6.465 visitas. No caso do centro do Camiño Primitivo, localizado na cidade de Lugo, a cifra de persoas atendidas foi de 2.958. Mentres, o Centro de Interpretación do Camiño Norte, no concello lugués de Mondoñedo, contabilizou 1.557 visitas. Por último, o Centro Internacional de Acollida ao Peregrino de Carretas, na capital galega, tivo 2.877. Só no mes de maio, o total de peregrinos atendidos nos catro centros das dúas provincias foi de 4.679.

Estes centros ofrecen ao peregrino apoio, información e contidos complementarios para axudarlle a comprender e coñecer dende diversas ópticas o Camiño de Santiago, en xeral, e a ruta concreta na que se atopa en particular. No caso concreto do Centro Internacional de Acollida ao Peregrino de Carretas, situado na contorna da praza do Obradoiro, Turismo de Galicia dispón dun espazo onde o peregrino pode recibir asesoramento para continuar a súa estadía na Comunidade Autónoma tras recoller a Compostela na Oficina do Peregrino.

TENDENCIA

No que vai de ano chegaron a Compostela máis de 81.490 peregrinos, o que supón un 13,3% máis que no mesmo período do ano pasado, co que se mantén a tendencia ao alza dos últimos tempos a piques de rematar o primeiro semestre do ano. Cabe subliñar que máis dun 65% dos peregrinos recibidos ata o momento foron estranxeiros.

Por itinerarios, o Camiño Francés continúa á cabeza no número de peregrinos recibidos, con preto do 61%, seguido do Portugués (21,37%), do Norte (4,26%), do Primitivo (3,83%), da Vía da Prata (3,53%), do Inglés (3,41%) e do Camiño Portugués pola Costa (2,09%)

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada