O investimento do Grupo Shanghai Fisheries permitirá a Albo crecer e exportar para o resto do mundo

O titular da Xunta  reuniuse co presidente de Shanghai Fisheries Group

O titular da Xunta e o conselleiro de Economía, Francisco Conde, reunironse co presidente de Shanghai Fisheries Group.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, constatou hoxe que o investimento do Grupo Shanghai Fisheries permitirá á conserveira Albo expandir as súas capacidades de produción e exportación e traerá, ademais, novos proxectos para Galicia.

Tras unha xuntanza cos representantes do grupo, Feijóo agradeceu ao presidente da compañía, Pu Shaohua, a oportunidade de coñecer de primeira man a empresa matriz de Conservas Albo.

“Acabamos de ter unha xuntanza moi proveitosa para coñecer de que xeito o sector pesqueiro galego e chinés, a través de Conservas Albo, poden seguir a súa expansión internacional”, dixo, valorando positivamente a decisión da empresa de expandir as capacidades da conserveira galega coa produción de atún, a través dos caladoiros e dos barcos chineses de todo o mundo. “Unha maior produción suporá unha maior capacidade de exportación dos seus produtos máis alá das fronteiras europeas. Polo tanto, Albo vai consolidarse, ampliarse e exportar desde Galicia para o resto do mundo”, precisou.

En segundo lugar, Feijóo destacou e agradeceu a disposición do grupo para profundar nas relacións de cooperación con Galicia noutros ámbitos do sector agroalimentario. “Isto significa, en definitiva, que temos un aliado para introducir en China produtos agroalimentarios galegos como o viño, o leite, as conservas ou os produtos cárnicos. Para nós isto ten un valor estratéxico moi importante, xa que as relacións entre Galicia-Shanghai e Galicia-China non se concretan só no ámbito da conserva senón que se abren novas oportunidades”, abundou.

Pola súa banda, o presidente de Shanghai Fisheries incidiu na súa intervención neste compromiso: “Estamos moi confiados e esperanzados en profundar na nosa relación de cooperación con Galicia”, dixo. Recordou tamén que Albo significou para o grupo unha oportunidade para coñecer o sector da conserva galego. “Estamos convencidos de que coa nosa unión imos facer máis cousas, sobre todo no ámbito internacional”, aseverou.

Ante esta intención, Feijóo salientou que as máis de 450 adegas galegas, o 45% da produción láctea de España e as empresas cárnicas como Coren, terán unhas posibilidades que antes desta xuntanza non tiñan. E expresou o desexo de que, ao igual que sucede con Albo, o mercado chinés comece a percibir a calidade dos produtos agroalimentarios galegos.

O sector agroalimentario galego, garantía de calidade
O presidente da Xunta iniciou a xornada inaugurando o Evento Gastronómico de Galicia-Extravaganza, onde presentou o sector agroalimentario galego como garantía de calidade e sinónimo de produtos gourmet, avalados pola etiqueta Galicia Quality.

Durante o acto, Feijóo salientou o interese do país chinés polos produtos de calidade, incidindo en que un dos obxectivos desta viaxe e desta presentación é que sirvan como escaparate do sector agroalimentario e que, con iso, China ascenda posicións como destino das exportacións galegas.

Así, referiuse á celebración desta xornada gastronómica como unha oportunidade para dar a coñecer produtos como o viño, a carne, as conservas, os lácteos, o aceite ou a cervexa, entre outros. “Hoxe poderán constatar que os produtos das empresas galegas aquí presentes teñen un valor diferenciado: a calidade”, aseverou. Unha calidade que as empresas galegas conseguen coidando cada fase do proceso de produción -atendendo as esixencias hixiénico-sanitarias e os compromisos de rastrexabilidade, de orixe e de manipulación- e innovando.

Ao longo da súa intervención, Feijóo subliñou que 8 das 10 empresas máis importantes da industria española do peixe son galegas; o 40% do leite español leva a marca Galicia; a Comunidade galega é unha das autonomías con maior número de cabezas de gando, “e temos a maior cooperativa agroalimentaria de Europa; e, neste evento están presentes ademais as mellores adegas de viños galegos de un total de 450”.

O presidente da Xunta concluíu facendo fincapé en que Galicia é un pobo hospitalario, que recibe peregrinos de todo o mundo a través das rutas do Camiño de Santiago; cunha gastronomía valorada; cun impoñente patrimonio histórico e cunha enorme riqueza natural. “Por iso queremos invitalos a que coñezan a nosa terra, unha das máis atractivas de Europa e que a coñezan, tamén, a través dos seus produtos”, dixo.

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada