A Xunta aprobará un novo programa de 9 millóns de euros para impulsar o emprego xuvenil

TrabajoO conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, avanzou hoxe no Parlamento que o Consello da Xunta aprobará mañá un novo paquete de axudas para impulsar o emprego xuvenil que estará dotado de nove millóns de euros. A iniciativa, segundo explicou Conde, contempla axudas para autónomos e para incentivar a contratación dos menores de 30 anos en empresas e entidades sen ánimo de lucro. Entre os apoios que se activarán, resaltou os incentivos á contratación indefinida con ata 14.000 euros.

O titular de Economía apuntou que esta medida forma parte da Axenda 20 coa que o Goberno galego está mellorando o mercado laboral galego “con acento na creación de emprego estable e de calidade” e coa que se prevé crear este ano 20.000 novos postos de traballo. Sinalou, ao respecto, a boa evolución do mercado laboral galego coa recuperación de 70.000 empregos desde 2014 e cun 11% máis de activos entre os maiores de 35 que en 2009. Tamén fixo fincapé no aumento do número de ocupados que creceu por riba do paro e nos 27.600 fogares menos con todos os seus membros no paro que no peor momento da crise ou os 57.000 fogares máis con todos os seus activos ocupados, segundo os últimos datos de EPA.

Así mesmo, lembrou a recuperación continuada do PIB en Galicia desde o terceiro trimestre de 2013 e a do emprego desde principios de 2014 ou os 43 meses consecutivos nos que o paro leva descendendo na evolución anual. De feito, Galicia baixou en maio das 200.000 persoas desempregadas. “Temos unha Galicia en verde que está demostrando que os datos macroeconómicos son positivos”, engadiu.

Para continuar con esta boa evolución, Conde sinalou que as persoas con máis dificultades para atopar un traballo son prioritarias para a Xunta e, por iso, lembrou que contan cun 25% máis de apoio en todos os programas de emprego. Entre os colectivos beneficiarios destacou os mozos e mozas, as familias con todos os seus membros en paro ou as mulleres para as que a Xunta vén de aprobar Emprega en Feminino, un plan dotado con 100 millóns de euros ata 2020 para desenvolver medidas que impulsen o papel da muller no mercado laboral.

Enmarcada na Axenda 20, tamén fixo fincapé noutras medidas para mellorar o mercado de traballo e a empregabilidade dos galegos e galegas como o plan pioneiro que permitirá formar e impulsar a contratación laboral de 10.000 mozos e mozas con 90 millóns ata 2020; ou o programa de formación e emprendemento no rural con 30 millóns de euros este ano e o próximo para aumentar as oportunidades laborais nas zonas menos poboadas de Galicia. Esta actuación inclúe Formación á porta para levar ata os concellos que non contan con centros homologados as actuacións necesarias para obter certificados de profesionalidade.

 PULO A ECONOMÍA

Así mesmo, Conde puxo en valor outras actuacións que o Goberno galego está levando a cabo para impulsar a actividade económica en Galicia como son a ampliación de PSA en Vigo, o desenvolvemento da eólica mariña na ría de Ferrol ou o polo de avións non tripulados de Rozas, en Lugo.

Para reforzar este ámbito, a Xunta tamén ten activo o Plan de captación de investimentos que está levando a cabo para poñer en valor a capacidade industrial, loxística e xeoestratéxica de Galicia para facilitar a chegada de novas empresas e de capital. Nesta mesma liña aprobarase unha Lei de implantación empresarial que está en fase de elaboración. Neste eido resalta tamén a proposta realizada á Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) para desenvolver un convenio de colaboración que busca facer máis doada a implantación empresarial grazas a beneficios adicionais por parte dos concellos.

Outras follas de ruta do Goberno galego para activar a economía en Galicia, ademais da Axenda 20, son a Estratexia de internacionalización da empresa galega 2020, coa que se está logrando que os últimos catro anos sexan os de maiores vendas ao exterior da historia galega; a Axenda Galicia-Industria 4.0, coa que se ten axudado a preto de 4.200 empresas en dous anos mobilizando 342 millóns de euros e creando 11.500 novos empregos industriais; e a RIS3, que permitiu mobilizar preto de 800 millóns convertendo a innovación nun dos piares do crecemento en Galicia.

Conde, para rematar, destacou a importancia de seguir mellorando o mercado de traballo e sinalou que, para iso, “Galicia ten política industrial e ten unha política de emprego concreta que favorece a inserción laboral e a contratación”.

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada