A Estratexia galega de cambio climático e transición enerxética 2050 definirá o xeito de consumir galego

La playa de As Catedrais, en el municipio de Ribadeo.

A praia de As Catedrais, no municipio de Ribadeo.

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe o compromiso de Galicia na loita contra o cambio climático a través da elaboración da Estratexia galega de cambio climático e transición enerxética 2050. Unha estratexia que definirá o noso xeito de producir e de consumir, e o compromiso por seguir investindo en enerxías renovables, por apostar pola eficiencia enerxética e por seguir apoiando as tecnoloxía de produción hipocarbónicas.

Nesta liña, afirmou que esta xornada de presentación, que reúne a figuras relevantes de distintas áreas do coñecemento, é o primeiro paso para definila. “Porque a clave do éxito do que hoxe iniciamos é implicar a todos. Temos verdades que nos unen, urxencias que nos unen e debemos polo tanto elaborar xuntos as solucións”, abundou.

Así mesmo, subliñou a necesidade de combinar a urxencia coa progresividade, “xa que sería equivocado –dixo- practicar un ecoloxismo ilustrado que prescindise da implicación activa do pobo”.

Durante a súa intervención, Feijóo reiterou o compromiso da Comunidade cos obxectivos do Cumio de París de 2015: manter o incremento da temperatura media global do planeta por debaixo dos dous graos centígrados e, se é posible, por debaixo de 1,5.

Ao respecto, resaltou ademais a necesidade de reducir progresivamente a dependencia dos combustibles fósiles ata chegar, no ano 2050, a un modelo produtivo practicamente libre de emisións de gases de efecto invernadoiro.

Logo deste encontro, o presidente da Xunta avanzou que o seguinte paso será encargar aos grupos de traballos sectoriais a elaboración dun documento que definirá as liñas estratéxicas en todos os eidos nos que é preciso actuar: mitigación, adaptación, formación e sensibilización. E, paralelamente, elaborarase un mapa de coñecemento e capacidades, a nivel autonómico, que terá como obxectivo centralizar calquera avance en materia de cambio climático.

Feijóo concluíu lembrando que, grazas á vontade social e tamén ao investimento entre 2012 e 2015 de máis de 140 millóns, a Comunidade galega é a terceira que máis reduciu as súas emisións en España respecto do ano 1990; no ano 2015, último auditado, o 52,6% da electricidade xerada procedía de fontes renovables; e o consumo de enerxía primaria con enerxías renovables acada o 20,7 por cento, superando o obxectivo marcado para o conxunto de España no horizonte do 2020.

Print Friendly
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada