O Fondo Europeo e Marítimo de Pesca reserva para Galicia 487 millóns de euros en axuda pública ata o 2020

A conselleira do Mar participou en Bruxelas no obradoiro Aproveitar ao máximo a inversión pública: gobernanza e cooperación, do VII Foro de Cohesión da Unión Europea.

A conselleira do Mar participou en Bruxelas no obradoiro Aproveitar ao máximo a inversión pública: gobernanza e cooperación, do VII Foro de Cohesión da Unión Europea.

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, defendeu hoxe en Bruxelas a aposta da Xunta por potenciar a produtividade da pesca e por diversificar as actividades do mar e aproveitar o seu potencial a través dos fondos europeos. Para iso traballa con dúas ferramentas clave que son os grupos de acción local do sector pesqueiro (GALP) e a estratexia de Crecemento Azul ou Blue Growth. Así o explicou a titular de Mar no VII Foro de Cohesión da Unión Europea, no marco dun obradoiro sobre o aproveitamento máximo do investimento público. Rosa Quintana aproveitou para destacar a presenza de Galicia no encontro, a única rexión de España que participa nel.

Nestas dúas vías de traballo, subliñou a conselleira, Galicia ten en conta dous aspectos básicos, que son a cooperación co sector e a cogobernanza, que tamén foron aplicadas na reorientación de fondos levada a cabo pola Xunta dende o ano 2009. Unha reorientación, expuxo, coa mirada posta na produtividade, a competitividade e a xeración de emprego e valor no sector marítimo-pesqueiro. Todo isto, incidiu, atendendo tamén á sustentabilidade ambiental do sector.

Ademais explicou que esta recondución dos fondos cara a un maior valor engadido contribuíu á obtención de resultados como o récord de facturación acadado no 2016 na primeira venda de produtos do mar nas lonxas, que foi de preto de 500 millóns de euros. Tamén, destacou as cifras da evolución positiva do emprego no sector no último ano e o freo da caída do número de buques. A maiores, puxo de relevo a importancia de recuperar case 8 millóns de metros cadrados de zonas de marisqueo coa posta en marcha dun plan de rexeneración, o que á súa vez favoreceu que desde o ano 2014 aumentasen os permisos de explotación por primeira vez desde o 2000.

OS GALP E O BLUE GROWTH

En relación aos GALP, Rosa Quintana, destacou que son a clave da diversificación social e económica. Un obxectivo que desenvolven, subliñou, atendendo á prioridade 4 do Fondo Europeo e Marítimo de Pesca (FEMP), que é o de o incremento do emprego e da cohesión territorial nas comunidades costeiras e de interior dependentes da pesca e da acuicultura.

Neste sentido, sinalou que en Galicia hai 8 GALP, distribuídos polas zonas do litoral e constituídos maioritariamente por entidades do sector. Ademais engadiu que para o período 2016-2020 dispoñen dun orzamento total de 57 millóns de euros para a posta en marcha dos seus proxectos.

De feito, dende a súa posta en marcha no 2016 hai máis de 100 proxectos aprobados e tamén se están a desenvolver outros catro fundamentados na cooperación entre os diferentes grupos, un eido no que se están a desenvolver catro proxectos, especificou a titular de Mar. Ademais engadiu que a isto se suma a experiencia do período financieiro anterior cos grupos de acción costeira (GAC), que desenvolveron máis de 400 proxectos.

En canto ao Blue Growth, destacou o labor desempeñado pola Autoridade Portuaria de Vigo, coa que a Xunta traballa da man no desenvolvemento dun plan baseado na participación activa do sector. Unha estratexia de Crecemento Azul que busca, subliñou Rosa Quintana, un porto conectado, innovador, verde e inclusivo. Para iso, a través desta estratexia, xa se solicitaron case 50 millóns de euros de fondos europeos e de financiamento público-privado, máis dun 20% do orzamento total, que supera os 200 millóns de euros. Ademais lembrou que con ela se pretende poñer en marcha 48 proxectos específicos, dos que a metade xa están activos.

GALICIA E O FEMP

Durante a súa intervención, a conselleira do Mar tamén puxo de relevo a importancia que teñen os fondos europeos para Galicia e de xeito específico para o sector marítimo-pesqueiro e falou da importancia deste sector na comunidade autónoma galega. Neste sentido, lembrou que o valor engadido bruto da pesca e da acuicultura é en Galicia 25 veces superior ao da UE e máis de seis veces superior ao de España.

A maiores, lembrou que o FEMP reserva para Galicia 487 millóns de euros en axuda pública ata o 2020. Deles 371 proceden directamente da UE e o resto son aportados por España e Galicia, explicou. A maiores, Rosa Quintana engadiu que Galicia ten reservados o 51% do dispoñible en España para as comunidades autónomas, debido ao seu peso no total español da pesca.

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada