A cadea The Ritz-Carlton Yacht Collection encarga a Barreras un cruceiro de luxo

O cruceiro que construirá Barreras supón un dos fitos máis importantes que vai marcar o sector naval galego

O cruceiro que construirá Barreras supón un dos fitos máis importantes que vai marcar o sector naval galego

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe que o cruceiro de ultraluxo que construirá Barreras suporá un dos fitos máis importantes que vai marcar o sector naval galego. Non en van, aseverou, será o barco civil máis caro construído ata o de agora nun estaleiro español.

Durante a presentación do acordo entre o estaleiro J. Barreras e a cadea The Ritz-Carlton Yacht Collection para construír esta infraestrutura, Feijóo afirmou que este proxecto supón un desafío, non só para este estaleiro, senón para o conxunto da industria auxiliar: porque este segmento de buques demanda estándares de calidade moi altos; e porque vai poñer a proba a capacidade de resposta xa demostrada por este sector.

Así mesmo subliñou que se as expectativas se cumpren este estaleiro pode ser o lugar escollido pola cadea Ritz-Carlton para construír dous barcos máis; “e, polo tanto, Barreras se consolidaría como un dos estaleiros máis acreditados da UE”

Ademais, aseverou que coa construción deste barco Galicia entra nun dos segmentos con maior crecemento do mercado: o turismo de cruceiros, que xera ao redor de 110.000 millóns de euros e case 25 millóns de turistas optaron por esta modalidade vacacional o pasado ano.

Nesta liña, afirmou que este cruceiro de luxo incide na capacidade demostrada por este estaleiro, e polo naval de Galicia, na fabricación de barcos tecnoloxicamente avanzados, de segmentos máis especializados e baixo estritas condicións de calidade e seguridade.
En relación ás características do barco, que se entregará a finais de 2019, Feijóo subliñou que terá 183 metros de eslora; capacidade para 298 pasaxeiros en 149 suites; estará dotado con piscinas interiores e exteriores, spa, heliporto, restaurantes, entre outras cousas; e terá as características de deseño propias dos grandes iates, dentro da gama ultrapremium ou ultraluxo.

Ao longo da súa intervención, o presidente da Xunta asegurou que a tecnoloxía, a innovación e a diversificación seguirán orientando a actividade do sector naval galego, cara a novos segmentos cunha demanda crecente. “Os estaleiros e a industria auxiliar saben que o naval tende agora á especialización e que o reto está en ofrecer un produto diferenciado en calidade, en características técnicas e en deseño”, abundou, incidindo en que cada vez os procesos de deseño e construción dos buques que se fabrican en Galicia teñen máis carga tecnolóxica e a man de obra nos estaleiros está perfectamente cualificada para traballar nun contorno máis esixente a nivel técnico.

Sobre este punto, lembrou que con ese obxectivo naceu o Plan de formación no naval aprobado pola Xunta. Un plan no que as empresas do sector teñen moito que dicir porque, segundo os perfiles profesionais que se vaian demandando, se irá adecuando a oferta formativa.

Feijóo concluíu lembrando os datos que confirman o bo momento que atravesa o sector naval galego, logo de varios anos de moitas incertezas: en 2017, Galicia logrou adxudicarse o 60% do total dos barcos que ten adxudicados España, e a carteira de pedidos en vigor dos estaleiros galegos está no contorno do 45 % do total de buques que se están facendo nos estaleiros españois. “Estamos a falar de que somos, con iso, a Comunidade que lidera a construción naval e que a suma destas operacións, xa en carteira ou as que están a piques de pecharse, ascende aos 2843 millóns de euros”, subliñou.

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada