Estudar, e estudar ben, en Salvaterra ten premio

IMG_1396O concello de Salvaterra viviu esta mañá unha xornada de premiar os seus estudantes. A primeira tenente de alcalde e concelleira de Cultura Marta Valcárcel emocionouse ao ver o salón de plenos do concello repleto de nenos e nenas, pais e nais e un bo número de profesores.

Primeiramente, os alumnos que participaron no I Certame de Relato Fantástico Agustín Fernández Paz recibiron un libro cos relatos premiados.

O certame literario rende unha merecida homenaxe ao autor de Cartas de inverno, xusto cando se vai cumprir o primeiro cabodano do falecemento do escritor.

Foron os seus lectores os que retomaron os fíos das historias encetadas por Agustín Fernández Paz, pois o inicio de todos os relatos parte dun fragmento da súa obra. No certame, organizado polos Equipos de Dinamización da Lingua Galega, EDLG, do IES Salvaterra, participaron máis de 50 escolares de todas as etapas educativas.

Os premiados recolleron o libro cos relatos dos participantes e que se abre cun limiar de Manuel Bragado, director de Edicións Xerais e editor de Fernández Paz. A publicación foi subvencionada polo Concello de Salvaterra.

PREMIOS E BOLSAS

A Tenente de alcalde, Marta Valcárcel, lembrou que “Salvaterra foi  un dos primeiros, e dos poucos, concellos que premia a excelencia académica”. Así, “dende hai máis dunha década premia o esforzo e a dedicación dos e das estudantes do seu municipio”.

No transcurso do acto insistiu en que estas becas ou premios nacen co ánimo de incentivar o estudo e reforzar actitudes e hábitos relacionados co traballo, esforzo, participación e convivencia entre os mozos e mozas, xa que será a base do seu futuro.

Tomaron parte neste concurso o alumnado do Instituto de Educación Secundaria e dos tres Centros de Educación Primaria de Salvaterra (CEIP Infante Felipe, CEIP de Leirado e CEP Carlos Casares).

Os premios consistiron, por un lado, en catorce lotes informáticos compostos por unha Tablet Samsung TAB 6 10,1”, con funda, memoria e powerbank. Recibírono os alumnos e alumnas do 2º Ciclo Formativo de Grao Medio de Caldeirería e Soldadura, FP básica, 4º da ESO  do IES Salvaterra e os alumnos e alumnas de 6ª de Primaria do CEIP Infante Felipe, CEIP de Leirado e CEP Carlos Casares.

Ademais convocáronse tres bolsas de estudios que consisten nunha viaxe de tres semanas a Reino Unido, na localidade de Worthing (na costa sur do país) co obxecto de perfeccionar a lingua inglesa, que inclúe a viaxe de ida e volta, aloxamento en familia en réxime de pensión completa, curso de inglés Xeral de 3 semanas, material escolar, certificado de asistencia, actividades, tarxeta de transporte e seguros, para o alumnado de 2º de Bacharelato.

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada
11