O novo Bono Autónomo e a Oficina do Autónomo facilitan traballar por conta propia en Galicia

IMG_9455O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe que o novo Bono Autónomo e a Oficina do Autónomo farán que traballar por conta propia en Galicia sexa cada vez menos difícil e haxa menos cargas administrativas.

O Consello da Xunta vén de dar o visto e prace ao Bono Autónomo, a medida segundo a cal o Goberno galego beneficiará unhas 1000 persoas que queiran consolidar o seu negocio con axudas de ata 3000 euros. En total, a Xunta investirá 3 millóns de euros nesta medida.

O Bono Autónomo está destinado a aqueles traballadores por conta propia, cunha antigüidade mínima de 42 meses e unha facturación de máis de 12.000 euros, sempre que o seu rendemento neto non supere os 30.000 euros. As axudas concederanse segundo orde de solicitude ás persoas que cumpran estes requisitos, que poderán dispoñer dun adianto do 100% da axuda.

Entre os servizos que poderán financiarse co Bono Autónomo, Feijóo destacou a mellora da xestión financeira, a captación de financiamento a optimización de procesos de produción e cadea loxística, relanzamento comercial, imaxe e comunicación; posicionamento web, márketing, redefinición do modelo de negocio, identificación de posibles socios ou creación de redes de cooperación.

Estes investimentos poderán solicitarse desde o día seguinte á publicación da orde de axudas e ao longo dun mes. O prazo para xustificar os investimentos está aberto ata o 20 de decembro. Para diagnosticar e identificar mellor aquelas áreas onde precisan mellorar, os autónomos disporán de servizos gratuítos de apoio, que prestará a Rede de Técnicos de Emprego ou do Igape.

MENOS TRÁMITES

Por outra banda, o Consello aprobou tamén a creación da Oficina do Autónomo, unha xanela única para que os autónomos poidan alixeirar ao máximo posible a carga de papelame. Esta Oficina está dispoñible desde hoxe nunha primeira fase. A través da web oficinadoautonomo.gal, cada traballador por conta propia poderá coñecer o estado dos expedientes que teña abertos coa Administración galega, ademais de acceder a información de utilidade.

Estas dúas medidas forman parte da Estratexia Autónomo 2020, que destina 40 millóns de euros anuais ata 2020 a impulsar os autónomos nesta etapa de recuperación económica. Nesta lexislatura, polo tanto, a Xunta dedicará 160 millóns de euros exclusivamente aos autónomos.

MENOS IMPOSTOS E MÁIS PROTECCIÓN

O presidente do Goberno galego sinalou que Galicia é unha comunidade de autónomos. De feito, un de cada catro afiliados á Seguridade Social son autónomos, Galicia é a comunidade cunha maior porcentaxe de autónomos e unha das autonomías con máis estabilidade no emprego por conta propia, pois 6 de cada 10 negocios teñen máis de 5 anos. Ademais, Galicia é a comunidade onde as mulleres teñen un maior peso no total dos autónomos, un 42,2% fronte ao 34,9% da media nacional.

Por outra banda, sinalou que cando se coñeza a tarifa plana que aprobará o Goberno central ao abeiro da nova Lei de autónomos, o Goberno galego ampliará os beneficios dos traballadores por conta propia.

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada