Catorce formacións galegas deixan as súas notas na Cidade da Cultura

Uns 600 mozos de catorce formacións de toda Galicia interpretaron ao longo da xornada un repertorio preparado para a ocasión.

 Uns 600 mozos de catorce formacións de toda Galicia interpretaron ao longo da xornada un repertorio preparado para a ocasión.

A Cidade da Cultura de Galicia acolle este domingo o II Festival de Bandas Infantís e Xuvenís de Galicia, no que un total de catorce formacións de toda a comunidade interpretarán durante vinte minutos o repertorio elixido para a ocasión.

A xornada contou coa presenza do conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, quen apostou pola posta en valor do labor dos músicos de formacións infantís e xuvenís a través de eventos como este Festival, co que ademais se fomenta o encontro entre novos intérpretes, se establece vínculos que dean lugar a futuras sinerxías entre bandas, contribúese a enriquecer a formación e promover a educación na diversidade a través da canle que brinda a música como linguaxe universal.

O presidente da Federación Galega de Bandas de Música Populares (FGBMP), Armando Morales, gabou esta segunda edición dun Festival que, nas súas palabras, potenciará e incentivará, aínda máis, o traballo cotián destas formacións de novos músicos a favor do perfeccionamento e a divulgación musical.

O Festival, que arrancou ás 10 da mañá no Museo Centro Gaiás, terá lugar ao longo de toda unha xornada de convivencia entre os participantes de 14 bandas, todos eles menores de 20 anos, e escollidas por sorteo entre todas as formacións federadas que se presentaron ao proxecto. As participantes deste ano son a Banda da Escola de Música de Vilaboa, a Banda Infantil de Narón, a Banda Infantil de Rubiós, a Banda Luís Costa (Ribadavia), a Banda da Escola de Música de Valladares, a Agrupación Musical da Limia, a Banda Infantil da Artística de Merza, Banda de Música Infantil e Xuvenil de Antas de Ulla, Banda Xuvenil das Pontes, Banda Xuvenil de Vilatuxe, Xove Banda de Valga, Banda Xuvenil da Unión Musical Ponteledesma, Sons e soños de Rábade-Begonte-Outeiro de Rei e a Banda Xuvenil da Cultural de Teo.

O Festival de Bandas Infantís e Xuvenís de Galicia está organizado pola FGBMP, co patrocinio da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a Agadic e a Fundación Cidade da Cultura; así como a colaboración de Musical Allegro e Pontevedra Musical.

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada