A Universidade de Vigo pon en marcha o Campus do Mar coa axuda da Xunta

“Un día histórico que supón un gran salto no futuro da Universidade”, cualificou o reitor da institución académica viguesa

O acordo asinado hoxe pecha o financiamento e a contratación dos estudos previos á rehabilitación do emblemático edificio Faraday.

O acordo asinado hoxe pecha o financiamento e a contratación dos estudos previos á rehabilitación do emblemático edificio Faraday.

Alberto Núñez Feijóo reafirmou hoxe a aposta da Xunta pola recuperación da antiga Escola de Transmisións e Electricidade da Armada (ETEA), situada no barrio vigués de Teis, para acoller un Campus do Mar que conseguirá que “Vigo e Galicia lideren a investigación mariña”, destacou.

O presidente da Xunta declarou isto na sinatura dos dous convenios coa Universidade de Vigo para a rehabilitación do emblemático edificio Faraday da ETEA, que acollerá a sede institucional do Campus do Mar. O primeiro convenio establece que o Goberno galego financie con 250.000 euros os estudos previos necesarios para a recuperación deste edificio (proxecto sectorial, estudo xeotécnico, análise estrutural, levantamento de planimetría e redacción dos proxectos básico e de execución), mentres que a Universidade se encargará de contratalos.

O segundo convenio destinará 3 millóns de euros a sufragar o equipamento do Faraday, de acordo coas liñas mestras marcadas no proxecto técnico que se contratará en virtude do primeiro convenio. A isto sumaranse outros dous millóns, procedentes de fondos europeos, para levar a cabo distintos proxectos na ETEA.

Feijóo avanzou tamén que en datas próximas se asinará o convenio coa Zona Franca de Vigo, que dispón do visto e prace tanto do pleno deste organismo como do Consello da Xunta. Este acordo desbloqueará a situación de dúas das parcelas da ETEA, a 3A e a 3B. Ambas volverán ser propiedade da Zona Franca, mentres que a Xunta aprobará os proxectos sectoriais necesarios, urbanizará as parcelas e se encargará de que dispoñan dos servizos necesarios.

CSIC

Así mesmo, o presidente confirmou que Vigo está xa “na recta final para conseguir que se instale na ETEA tamén o Centro Superior de Investigaciones Científicas”. Deste xeito consolídase a transformación da ETEA nun campus ao estilo das universidades de referencia a nivel mundial, onde se mesture a actividade universitaria coas actividades recreativas, ao que xa se dedica unha parcela que a Xunta rehabilitou e puxo en 2013 á disposición dos veciños de Vigo.

“Un obxectivo tan ambicioso require deixar atrás a visión curtopracista e apostar de xeito decidido polo longo prazo”, dixo Feijóo. Puxo tamén en valor o diálogo leal, que foi e será necesario para resolver a situación na que se atopaba a ETEA desde 2002, cando deixou de ter usos militares. O presidente recoñeceu tamén que “ningunha Administración estivo á altura deste lugar” desde ese ano.

Para poñer fin a este bloqueo e poñer a punto o Campus do Mar, a Xunta vai investir, en total, 5 millóns de euros. Estes fondos súmanse aos 3 millóns que dedicará a Zona Franca a reformar o edificio Siemens, que acollerá unha aceleradora de empresas e un centro de investigación gastronómica. “O obxectivo é que nesta lexislatura poidamos entregar á Universidade as instalacións que os profesores, os investigadores, o barrio de Teis e a cidade de Vigo merecen”, afirmou o presidente.

CIENCIA

A instalación da sede institucional da Campus do Mar no edificio Faraday da Escuela de Transmisones y Electricidad de la Armada, ETEA, no barrio vigués de Teis, está un pouco máis cerca de se converter nunha realidade trala sinatura este mediodía, entre a Universidade de Vigo e as consellerías de Facenda e de Cultura, Educación e Educación Universitaria, de dous convenios para o financiamento dos traballos previos á rehabilitación do edificio Faraday. 243.000 euros é importe que a Xunta de Galicia destinará este ano ao inicio da rehabilitación do inmoble, que inclúe o proxecto sectorial, o estudo xeotécnico, análise estrutural, levantamento de planimetría e redacción do proxecto básico de execución, así como a redacción do prego de prescricións técnicas para a rehabilitación do inmoble.

Como “un día histórico que supón un gran salto no futuro da Universidade”, cualificou o reitor da institución académica viguesa, Salustiano Mato, esta xornada, na que os conselleiros de Educación, Román Rodríguez e de Facenda, Valeriano Martínez, en presenza do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, asinaron o convenio para iniciar a rehabilitación do edificio Faraday. “Este 2017 a ETEA volve emitir”, dixo Feijóo, que recoñeceu que as institucións non souberon estar a altura dun proxecto que sufriu unha parálise de dez anos. O presidente da Xunta tamén avanzou a próxima sinatura do convenio que permitirá reverter á Zona Franca de Vigo as parcelas 3A e 3B, nas que ademais da sede corporativa de Campus do Mar, se localizarán a acelerador de empresas, o centro de innovación gastronómica e as actividades relacionadas coas tecnoloxías avanzadas mariñas. Xunto a estas actuacións ás que a Xunta prevé destinar uns cinco millóns de euros, Feijóo adiantou un inminente acordo co CSIC para trasladar á ETEA o Instituto de Investigacións Mariñas de Bouzas.

O mellor escaparate para a ciencia mariña

Trala sinatura de cadanseu convenio coas consellerías de Educación e Facenda, o reitor da Universidade de Vigo destacou que máis aló da importancia que para a Universidade ten a materialización de Campus do Mar, a súa instalación na ETEA “supón revitalizar unha zona da cidade e crear un lugar onde Vigo e Galicia se mirarán no mundo”. Mato lembrou as dificultades que entrañou desbloquear un proxecto que estivo paralizado durante unha década e agradeceu moi especialmente o labor do presidente do Xunta por ser “unha persoa de palabra que cumpriu o seu compromiso coa Universidade e con Vigo”. O reitor augurou que pasados un anos, cando comecen a chegar os primeiros resultados do Campus de Mar, “non haberá mellor escaparate para a ciencias mariñas, para os produtos do mar, para a industria e comercio”.

Pola súa banda, o presidente da Xunta tamén incidiu na idea de que Campus do Mar está chamado a ser unha referencia da investigación mariña e lembrou o abandono que durante anos sufriu a ETEA, nos que non tivo o uso que merecía. “En 2017 a ETEA volve emitir”, afirmou Feijóo, que asegurou que tras solucionar uns expedientes moi complicados “o proxecto non ten volta atrás”. Tras asegurar que nun proxecto coma este non vale o curtoprazismo, avanzou que “nesta lexislatura queremos entregar estas instalacións á Universidade e aos veciños de Teis o que necesitan, enlazando o pasado co presente proxectándoo no futuro”.

Print Friendly
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada