Yolanda Castaño e Lucía Aldao presentarán unha nova cita de Enocións by Ribeiro na Coruña

Yolanda Castaño. ALBERTO POMBO.

Yolanda Castaño. ALBERTO POMBO.

Enocións by Ribeiro, ciclo organizado polo Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro (C.R.D.O Ribeiro), volverá este mes de xullo á cidade da Coruña cunha nova sesión de maridaxe entre os sabores do viño e diferentes expresións artísticas. Nesta ocasión, a cita será na Sala Moom 57 (Paseo de Ronda, 57) o xoves 27 de xullo ás 20.30 horas e contará coas poetas Yolanda Castaño e Lucía Aldao como presentadoras dunha cata na que o público degustará diversos viños da D.O. Ribeiro e gozará co concerto de blues que ofrecerá Marian Ledesma & Los Tinaquero Brothers. As entradas xa están á venda a través da plataforma Ticketea.  

Enocións by Ribeiro é un programa de actividades que quere reflectir as emocións que xorden ao degustar os viños da denominación de orixe máis antiga de Galicia, ao tempo que se goza con distintas expresións artísticas. A música, a gastronomía ou a escena son algunhas das manifestacións culturais nas que o ciclo centra a súa atención. Nesta ocasión, Enocións opta por ofrecerlle ao público un encontro no que a poesía e o blues se mergullan nas texturas e sabores da D.O. Ribeiro. Os viños que se ofrecerán nesta sesión serán o Colección 68 Treixadura, da adega Viña Costeira; o Viña Mein, de Viña Mein, Eduardo Peña, da adega Eduardo Peña; Alberte, de Bodegas Nairoa; Gran Alanís, de Bodega Alaíns, e Casal de Armán Blanco, de Casal de Armán.

AS CONVIDADAS

Yolanda Castaño é un dos rostros máis coñecidos da poesía galega. Nacida en Santiago en 1977, Castaño publicou seis poemarios individuais, entre os que destacan Vivimos no ciclo das Erofanías, O libro da Egoísta ou A segunda lingua. Pola súa actividade poética, a autora recibiu galardóns como o Premio da Crítica Española, Premio Espiral Maior ou Premio Ojo Crítico. O seu labor cultural complétase coa súa inxente actividade como dinamizadora cultural, xa que dirige iniciativas de prestixio coma o ciclo de recitais Poetas Di(n)versos de A Coruña ou o Festival de Poesía Pontepoética de Pontevedra.

 Pola súa banda, Lucía Aldao é un referente no ámbito da poesía escénica dende que en 1998 comezou a percorrer a xeografía galega para ofrecer recitais de poesía. A partir do ano 2005, iniciou unha frutífera colaboración coa tamén autora María Lado, creando diferentes actuacións nas que se combinan os versos, a música e o humor. Nacía así o dúo Aldaolado, que nos últimos anos ofreceu espectáculos como Onde estea un cubata que se quite un soneto, Poeta de mierda, Con dez poemas por barba ou Pendanca e Oso.

O apartado musical desta Enocións by Ribeiro correrá a cargo de  Marian Ledesma & Los Tinaquero Brothers. A cantante Marian Ledesma, con máis de vinte anos de experiencia nos escenarios, regresa a súas orixes no blues da man dos irmáns Tinaquero (Juan, contrabaixo, e Luis, guitarra), nomes fundamentais na escena do blues galego. A suma destes tres talentos brindaralle ao público unha actuación única que xirará sobre grandes clásicos do blues como son Robert Johnson, Ma Rainey, Bessie Smith, Elizabeth Cotten ou Etta James.

 

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada