Ribadavia levanta o pano de fondo

Un momento de la inauguración del año pasado.

Un momento de la inauguración del año pasado.

A 33ª edición da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia inaugúrase este sábado ás 21.15h na Igrexa da Madalena.O acto, presidido polo alcalde de Ribadavia, contará coa presenza da Directora General do INAEM, Montserrat Iglesias e coa intervención de representantes da Xunta de Galicia, da Deputación de Ourense, do propio Director da MIT, Roberto Pascual e de todos os membros de Producións Teatrais Excéntricas (Quico Cadaval, Evaristo Calvo, Piti Sanz e Víctor Mosqueira), que recibirán no mesmo o Premio de Honra da MIT 2017.

O acto oficial é o sábado 15, pero antes da súa celebración, na sección PRE-MIT, a Mostra presenta o seu apoio incondicional á cultura de base, ao teatro afeccionado, o grupo Teatro do Vilar, que presenta o seu espectáculo As Cuñadas, en versión de Roberto Salgueiro, o venres 14 ás 23h, no Auditorio do Castelo. Tamén antes da inauguración, o sábado 15 o público poderá gozar na Praza Maior gratuitamente do espectáculo DO NOT DISTURB, da compañía andaluza Vaivén (Premio Nacional de Circo).

As entradas, que xa levan uns días á venda, tamén se poden adquirir o propio día da representación, pois resérvase sempre 0 20% do aforo para a venda inmediata, dúas horas antes de cada espectáculo.

O día 15, unha vez realizada a inauguración, comeza un programa moi completo de espectáculos e actividades paralelas. Ás 23h, no Castelo, ese mesmo día ten lugar a estrea en Galicia do prodixioso espectáculo GOLEM, que mestura videomapping, música, teatro e proxeccións. Un premiado espectáculo que está facendo xira por todo o mundo, futurista, divertido, prodixioso e sempre cun fondo crítico.

A MIT Tamén fai públicas as actividades paralelas e este ano, como novidade, aproveitando a cantidade de espectáculos de novo circo se poderán ver nas rúas de Ribadavia, tamén se celebrarán dous foros para analizar, discutir e promover acción de fomento en relación coa situación actual de gran calidade artística do novo circo en España e en Galicia.

Son moitas as cuestións artísticas, formativas ou lexislativas que se poden abordar hoxe ante a situación do chamado novo circo en España e no noso contexto, en Galicia. Este ano, na MIT, podemos ver unha escolma de moi alto nivel da creación circense no estado español, con compañías procedentes das Illas Baleares, de Andalucía ou de Castela-León. Pero pola MIT tamén pasaron compañías de Cataluña (país que ten unha longa traxectoria de vangarda e apoio decidido a esta arte escénica) ou de Galicia. Pistacatro acaba de celebrar o seu 10º aniversario, pero en Galicia tamén temos as compañías Cia. Duelirium, Circo Chosco ou Cia. Desastronauts, e recentemente a Cia. IO que ven de ser recoñecida co Premio Off Circada de Sevilla.

A organización dos estudos superiores de circo, ao igual cós países da nosa contorna e dos que podemos aprender tanto, coma Francia, ou o respecto e protección polo patrimonio escénico circense, coma o legado e os materiais da Ciudad de los Muchachos en Ourense, son asuntos que precisan dun debate público para o noso progreso como sociedade e para o ben das artes. Igualmente, a nivel artístico, estamos a ver todo o potencial existente (Vaivén é unha das poucas compañías programadas no prestixioso teatro BAM de Nova Iork co espectáculo que presentamos este ano na MIT e a renovación da linguaxe escénica ou a capacidade de hibridación con outras disciplinas artísticas levounas a cabo o novo circo de maneira moito máis precoz có resto das artes escénicas), mais pola contra esa iniciativa e ese carácter dinámico e activo non se ve acompañado de plans específicos e campañas decididas de fomento e consolidación da creación e da formación en artes circenses. Quizais sexa o momento de xuntarnos para coñecer máis e alzar unha voz conxunta, forte e decidida en favor do circo contemporáneo. Fagámolo.

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada