Os galardoados este ano coa Medalla de Ouro de Galicia son Miguel Ángel Blanco, Isabel Castelo, Aníbal Cavaco Silva e José Manuel Romay Beccaría

anibal cAVACO

Cavaco Silva exerceu como ministro de Finanzas do Goberno de Sá Carneiro e foi primeiro ministro de Portugal entre 1985 e 1995.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, anunciou hoxe que os galardoados deste ano coa Medalla de Ouro de Galicia son Miguel Ángel Blanco Garrido, Isabel Castelo D´Ortega, Aníbal Cavaco Silva e José Manuel Romay Beccaría. Así o acordou o Consello da Xunta na súa reunión desta mañá, que aprobou o decreto polo que se concede esta distinción.

Segundo destacou o xefe do Executivo Galego, a Medalla de Ouro de Galicia é o máximo recoñecemento que se lle fai aos que se comprometen ou se comprometeron coa nosa comunidade, “un agradecemento en forma de medalla a aquelas persoas, institucións e fundacións cuxa actividade honra a nosa terra”.

Neste senso, sinalou que os premiados deste ano contan con “traxectorias consolidadas que, desde distintas esferas de vida, tentaron mellorar Galicia”.

MIGUEL ÁNGEL BLANCO GARRIDO

Nacido en Ermua pero descendente dun galego de Xunqueira de Espadañedo e dunha galega da Merca. Licenciado en Económicas, traballou como albanel e exerceu como economista nunha consultaría de Eibar.

Iniciou a súa andadura política con 27 anos e foi concelleiro na súa localidade natal, decisión que o puxo no punto de mira de ETA. En xullo de 1997 foi secuestrado e asasinado por esta banda terrorista.

“Este asasinato espertou unha onda moi poderosa na conciencia cidadá de rexeitamento case unánime contra a violencia da banda terrorista, que foi coñecido durante moito tempo como espírito de Ermua”, afirmou Feijóo. Os seus restos mortais repousan desde hai unha década no cemiterio da Merca, en Ourense.

“É un símbolo da liberdade e da democracia”, sinalou o presidente da Xunta, engadindo que Galicia recoñece con esta Medalla de Ouro a un home valente, que non dubidou en defender a liberdade nun tempo de terror.

ISABEL CASTELO D’ORTEGA

Galega da Coruña, foi cantante profesional da ópera, profesión que deixou para dedicarse á empresa. É a actual presidenta de honra do Grupo Seguros Ocaso e tamén preside Castman Patrimonios, unha sociedade dedicada a actividades de aluguer inmobiliario.

Na actualidade está retirada da súa faceta empresarial pero serve a Galicia desde a actividade benéfica. Así, colabora coa asociación de persoas con discapacidade Aspadisol, do concello coruñés de Oleiros; contribuíu a soster o Aquarium Finisterrae da Coruña, e cando sucedeu o desastre do Prestige recadou fondos desde a Fundación Arao.

O seu carácter solidario xa fora recoñecido por Unicef, a Cruz Vermella e a Asociación Española contra o Cancro e conta coa Gran Cruz da Orde do Mérito Civil e a Medalla de Ouro ao Mérito no Traballo.

CAVACO SILVA

Nacido no Algarve, en Portugal, compaxinou os seus estudos no Instituto Superior de Ciencias Económicas e Financeiras de Lisboa coa práctica deportiva da carreira de vallas, especialidade na que chegou a ser campión portugués.

Despois de doutorarse en Economía, iniciou a súa carreira política. Neste eido, Cavaco Silva, exerceu como ministro de Finanzas do Goberno de Sá Carneiro e foi primeiro ministro de Portugal entre 1985 e 1995, o Goberno máis longo da historia democrática do país veciño, tal e como lembrou o presidente da Xunta. Posteriormente, entre 2006 e 2016, foi presidente de Portugal.

Logo de lembrar que Cavaco é un dos políticos que máis contribuíu a perfilar o país na era democrática, Feijóo lembrou que o ex-presidente luso sempre tivo claro que os nosos dous países debían estreitar os seus lazos. De feito, baixo a súa presidencia fortaleceuse a cooperación transfronteiriza e tamén se estreitaron os vínculos de Galicia coa lusofonía. Neste senso, Cavaco veu a Galicia para acordar reforzar a presenza do portugués no noso ensino medio.

“Recoñecemos deste xeito a un cooperador leal, a un dirixente sensato, a un amigo de Galicia”, afirmou Feijóo.

jOSÉ MANUEL ROMAY BECARÍA

Galego de Betanzos, licenciado en Dereito con Premio Extraordinario de Fin de Carreira e doutor en Dereito. Con só 25 anos chegou, por oposición, a ser letrado do Consello de Estado.

Foi vicepresidente do primeiro Goberno autonómico de Galicia e serviu á comunidade como presidente da Deputación da Coruña entre 1987 e 1990. Tamén foi conselleiro de Agricultura, Gandería e Política Forestal e conselleiro de Sanidade da Xunta. Posteriormente, foi ministro de Sanidade. Hoxe en día, preside o Consello de Estado, institución na que iniciou a súa carreira.

Como sinalou o presidente da Xunta, “falamos dun home de Estado que sabe o que é traballar por Galicia desde todas as Administracións públicas”. Neste senso, indicou que nunca entendeu servir a Galicia e traballar por España como unha disxuntiva, senón que sempre tivo claro que unha cousa implicaba a outra.

Posúe distincións como a Gran Cruz da Orde de Carlos III, de Isabel la Católica, do Mérito Civil e da Orde de San Raimundo de Peñafort.

Print Friendly
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada