A Xunta distinguirá os cinco mellores proxectos de desenvolvemento sustentable das zonas pesqueiras de Galicia

 

Recoñeceranse aquelas iniciativas máis destacadas nas modalidades de apoio á pesca costeira artesanal, creación de emprego no sector pesqueiro e marítimo, diversificación, desenvolvemento social e innovación local.

Recoñeceranse aquelas iniciativas máis destacadas nas modalidades de apoio á pesca costeira artesanal, creación de emprego no sector pesqueiro e marítimo, diversificación, desenvolvemento social e innovación local.

A Consellería do Mar distinguirá os mellores proxectos sustentables das zonas pesqueiras de Galicia, postos en marcha ao abeiro da convocatoria de 2016 das axudas para os grupos de acción local do sector pesqueiro. Así llo adiantou esta mañá a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, aos xerentes e presidentes dos oito grupos de acción local do sector pesqueiro que hai na nosa comunidade nunha xuntanza de traballo que mantiveron en Santiago.

Con estes distintivos, que se outorgarán o vindeiro mes de outubro en Santiago de Compostela, recoñeceranse os mellores proxectos aprobados o ano pasado no marco da implantación das estratexias de desenvolvemento local participativo dos GALP. No acto tamén participará persoal da rede europea de zonas de pesca, Farnet, un organismo da Comisión Europea para asesorar na implantación das medidas europeas para o desenvolvemento sustentable das zonas de pesca, dentro do marco do eixo 4.

Así, recoñeceranse aqueles proxectos que resulten destacados nas modalidades de apoio á pesca costeira artesanal, creación de emprego no sector pesqueiro e marítimo, diversificación, desenvolvemento social e innovación local.

Os oito grupos de acción local do sector pesqueiro que existen en Galicia poden propoñer ata un máximo de cinco proxectos para o conxunto das modalidades. No caso de que sexa un proxecto de cooperación poderá presentarse un proxecto en conxunto dos grupos promotores. De todos os proxectos presentados, a Consellería do Mar escollerá os proxectos finalistas de cada modalidade, antes de declarar os gañadores definitivos.

Ademais deste tema, na xuntanza tamén abordaron a celebración da segunda xornada de dinamización de proxectos de cooperación, que se celebrará en Santiago no mes de setembro e que ten como obxectivo de impulsar entre os GALP a posta en marcha proxectos de cooperación con grupos doutras rexións. A maiores, a Consellería do Mar e os grupos avaliaron a execución das súas Estratexias de Desenvolvemento Local Participativo.

Print Friendly
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada