A Casa da Matanza vai ser obxecto de diversas actuacións de acondicionamento e reforma dos edificios anexos á Casa-Museo e melloras na accesibilidade do conxunto

A Xunta de Galicia ten previsto investir 120.000 euros

Román Rodríguez participou hoxe na Casa da Matanza no acto de conmemoración do 132 aniversario do pasamento da precursora das nosas letras.

Román Rodríguez participou hoxe na Casa da Matanza no acto de conmemoración do 132 aniversario do pasamento da precursora das nosas letras.

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, participou hoxe na Casa da Matanza no acto de conmemoración do 132 aniversario do pasamento de Rosalía de Castro, no que destacou a importancia do legado literario, ético e emocional da precursora das nosas letras para o desenvolvemento de Galicia. “Na figura de Rosalía temos un referente que imitar e co que orientarnos na sociedade actual, ela debe estar presente na nosa acción política e cívica”, salientou.

O conselleiro tamén fixo alusión na súa intervención ao papel de dinamización e promoción cultural desenvolvido pola Fundación Rosalía de Castro e deulle os parabéns aos gañadores das tres categorías do V Concurso Escolar de Poesía, que ao longo do acto leron os poemas galardoados.

“Esta Casa Museo —explicou Román Rodríguez—, que acolle e difunde o legado da nosa poeta máis universal, pode gabarse de impulsar novas vocacións literarias nunha terra cun herdo creativo tan rico como é Galicia, pero na que non sobran iniciativas como esta. Un premio que suma na nosa construción cultural desde o fomento das vocacións poéticas e o desenvolvemento do talento entre os máis novos”.

O acto foi precedido dunha visita institucional ao espazo museístico guiada por Pepe Barro. Na conmemoración celebrouse a reapertura da Casa, despois das distintas obras e intervencións realizadas nos últimos anos e houbo un momento para a lembranza e o recoñecemento do papel de Camilo Agrasar, figura destacada polo seu traballo en prol da difusión do legado rosaliano no eido da Casa Museo.

Ademais do conselleiro participaron neste cabodano rosaliano o presidente da Real Academia Galega, Víctor Freixanes; a vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín; o presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira; e o director do Ámbito Cultural de El Corte Inglés, Pati Blanco. Do mesmo xeito, interviñeron as profesoras Ana Blanco e Catherine Davies, e os gañadores de cada unha das tres categorías do V Concurso Escolar de Poesía. A conmemoración gozou dun colofón musical cun concerto de Amancio Prada e a interpretación do himno galego.

NOVAS ACTUACIÓNS

Román Rodríguez anticipou na súa intervención que, canda a Fundación Rosalía, se acometerán entre 2017 e 2018 novas obras na sede padronesa desta entidade. En concreto, levaranse a cabo diversas actuacións de acondicionamento e reforma dos edificios anexos á Casa-Museo e melloras na accesibilidade do conxunto. Unhas melloras nas que a Xunta de Galicia ten previsto investir 120.000 euros.

Print Friendly
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada